
No marco das celebracións do 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres), o Concello de Rianxo organiza as xornadas Camiñando cara a igualdade. A segunda tenente de alcalde e Concelleira de Política Social, Ana Vidal, presentou esta actividade que ten como finalidade “seguir dando pasos a prol da igualdade dado que queda aínda moito camiño por percorrer”. Durante varios días levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas, actos reivindicativos e obradoiros co obxectivo, entre outros, de chamar a atención sobre as diferentes formas de violencia que sofren moitas mulleres no seu día a día.
Propostas culturais
A axenda do 25N de Rianxo dará comezo este venres 15 de novembro, co espectáculo de narración oral Contando en feminino: Contos sobre a igualdade, a cargo de Asociación Lisitrata, coa contadora Ana Hermida. Será ás 19h no Centro Sociocultural Faustino Rey Romero – Casa da República – Isorna. Trátase dunha función familiar abeirada á Rede Cultural da Deputación da Coruña que inclúe historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades.
Ademais, o venres 22 Rogelia dos Outeiros achegará ás 20.30h (no Auditorio) o monólogo Soa, dirixido por Fran Rei. Trátase dunha función para público de máis de 12 anos de idade (entrada de balde). Esta proposta abéirase ás actividades de Rianxo con motivo do 25N (Día contra a violencia de xénero). Soa é a primeira produción en solitario da xa veterana actriz Rogelia dos Outeiros. Neste espectáculo atopámonos cunha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre lle acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia.



