O sector marisqueiro recibiu máis de 50 millóns no que vai de ano para impulsar a súa recuperación, segundo o conselleiro

06 Novembro 2024

O conselleiro de Mar fixo balance este 6 de novembro dos apoios que está a brindar o seu departamento ao sector marisqueiro. No seu balance fixo saber que “no que vai de ano Mar achegou máis de 50 millóns de euros para a recuperación da actividade do sector, garantir a súa sustentabilidade e impulsar a rendibilidade”. Isto, dixo, foi posíbel grazas ao Plan de Competitividade e Sostibilidade, “que tamén permitiu atender aos profesionais afectados pola paralización dos traballos extractivos, poñendo á súa disposición distintas liñas de axudas para a conservación, protección e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, ademais de mellorar as zonas de produción e de reforzar o labor do centros de investigación Intecmar e CIMA, de Gardacostas e a colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos como Redemar”.

O conselleiro engadiu que dende outubro de 23 ata o día de hoxe, publicáronse só en materia directamente relacionada co marisqueo, 13 ordes de axudas. Ademais, explicou que está comprometido un gasto para o desenvolvemento de distintas liñas de investigación para proxectos de mellora de resiliencia por valor de máis de catro millóns de euros.

Así o detallou este mércores, na Cámara do Hórreo, con motivo da interperlación presentada polo Bloque Nacionalista Galego sobre o modelo que está a seguir a administración autonómica para por en valor a actividade marisqueira.

Villares destacou que “Galicia é a única rexión que ofrece un sistema real de cogobernanza, a través de plans de xestión elaborados polo propio sector, e que abarcan dende a explotación dos recursos á organización do traballo non extractivo e á conservación dos hábitats”. Así se pode comprobar, comentou, no recoñecemento da Rede de Seguimento, Avaliación e Apoio Local da Pesca e a Acuicultura da Comisión Europea e de Pesca (FEMP) e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Engadiu que o Plan Xeral 2024-2025 de Galicia “inclúe 92 plans de explotación dos recursos xerais e é o resultado dun estudo continuado da evolución destes recursos e dos ecosistemas a tres anos vista con obxectivos que favorecen o seu uso sostíbel a longo prazo, da mellora das rendas dos traballadores e a creación de postos de traballo e mantemento dos existentes”.

“Por tanto, a Xunta de Galicia”, segundo explicou o titular de Mar, “é a única administración que está a usar todos os fondos posíbeis para intentar reverter os problemas polos que atravesa o sector, pois o Goberno central, a pesares de lle ser reclamado en diversas ocasións, segue sen baixar o IVE do peixe e sen declarar as rías como zonas afectadas gravemente pola situación de emerxencia derivada da meteoroloxía adversa de finais de 2023, prexudicando con elo aos mariscadores”.

Engadiu que “esta falta de apoio provocou que non se puidesen habilitar máis axudas específicas e que permitirían compensar as perdas económicas pola mortaldade severa nas poboacións de bivalvos, cubrir a diminución dos ingresos pola baixa produción ou eximir cotas á Seguridade Social aos profesionais afectados”.

O conselleiro avanzou que “o Goberno galego seguirá traballando da man do sector e usando tanto os fondos propios como aquelas vías de financiamento que permite a Unión Europea para estes casos, cumprindo escrupulosamente os requisitos que estas liñas de financiamento establecen para poder ser usados, pois o marisqueo, dixo, é un sector estratéxico para Galicia dende o punto de vista socioeconómico e mediomabiental”.

Nestes momentos, a Comunidade conta con máis de 3.600 permisos de explotación de marisqueo a pé, preto de 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e con 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos. É unha actividade que é desenvolta por máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, acadou unha produción superior ás 5.100 toneladas, alcanzando un valor de máis de 62 millóns de euros.

O conselleiro sinalou que se está a avanzar no proceso de desafectación das zonas e instalacións portuarias “que sexan declaradas innecesarias”. Explicou que este proceso realizarase por fases, de xeito que sexa máis operativo e rápido, dado o número elevado de portos afectados. A aprobación final corresponde á Administración Xeral do Estado en Consello de Ministros, polo que os prazos dependerán da súa axilidade na tramitación.

Outros artigos

Xoves 1, xornada de tempo inestable

As Rías Baixas agardan unha xornada de tempo inestable con risco de treboadas no interior A comarca e as rías baixa veranse afectadas pola presenza dun embolsamento de aire frío en altura situado ó oeste de Portugal, que provocará unha certa inestabilidade atmosférica...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“No empiecen a leer si creen que estas líneas son las del comienzo de una historia. Este no es el comienzo de tal cosa. Tampoco lo es de unas memorias. Ni siquiera es una evocación. Estas líneas tratan tan solo de una brisa que pasa. Las brisas pasan. Se suceden unas...