O BNG da ría de Muros e Noia, organizou este venres día 22 un acto simbólico no souto detrás da Casa da Cultura de Outes, vestindo varias árbores con tea violeta e prendendo neles carteis co nome de cada unha das mulleres asasinadas este ano pola violencia machista no estado español. Cada pequeno cartel incluía no nome da muller, quen a matou e como e as fillas e fillos que deixa. Catro destas mulleres eran galegas, e unha delas foi asasinada fai só unhas semanas. A responsábel comarcal e deputada provincial, Soledad Agra, indicou que “ con esta acción queríamos visibilizar, dun xeito explícito, eses nomes que cada día imos escoitando nos medios de comunicación e que chegan a normalizarse a converterse só en números, deshumanizándonos ante o que debería horrorizarnos e mobilizarnos para exixir cambios lexislativos e máis recursos de prevención e atención”.

Despois do acto de colocación dos nomes nas árbores desenvolveuse unha charla sobre violencia obstétrica, centrada no caso das afectadas polo método anticonceptivo Essure. O faladoiro estivo presentado por Soledad Agra, que recordou que “ a violencia obstétrica é tamén un tipo de violencia de xénero que teñen que sufrir as mulleres polo patriarcado existente nos modelos de atención ó embarazo e parto, que se sobremedicalizaron e provocan intervencións degradantes que anulan a vontade e opinión das mulleres”.

Por parte da Asociación de Afectadas polo método Essure en Galicia, interveu a súa presidenta, Sabela Landín, que denunciou “ que sanidade aínda non se puxo en contacto coas mulleres implantadas con ese anticonceptivo para extraerllo, a pesares de que xa está prohibido usalo e que son moitas as afectadas que sufriron e sofren danos físicos e psicolóxicos irreparables”.
A sesión realizouse na Casa da Cultura de Outes e contou con moita asistencia de mulleres e homes interesados en escoitar os relatorios.




