O vindeiro sábado 14 de decembro desenvolverase na Casa da Cultura de Muros a partir das 12.30 horas a presentación do XX volume Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza (2024) e máis a celebración da gala dos XVIII Premios Barbantia da Cultura 2024, que recoñecen e distinguen as persoas e iniciativas (artistas, escritoras/es, axentes culturais, proxectos, etc) máis sobranceiras da nosa comarca en materia de impulso, divulgación e creación cultural. O palmarés será elixido a través dos votos das socias e socios da asociación Barbantia, proceso que está aberto até o 29 de novembro e ao que a comunidade de Barbantia pode contribuír a través do correo electrónico barbantia@barbantia.es ou por correo ordinario á sede da asociación no enderezo (AC Barbantia, Avenida principal 77, 4º andar, Centro Social – 15930, Boiro). Haberá tres galardóns: Premio Barbantia á Traxectoria Cultural 2024, Premio Barbantia á Iniciativa Cultural do Barbanza 2024 e Premio Barbantia da Cultura Galega 2024.
Ademais, o venres 29 de novembro Barbantia estará presente na Libraría Espacio Lector Nobel do concello de Boiro presentando o libro Sístole, de Fe Núñez ás 20.00 h.
Máis información na web de Barbantia.
