Juan Caballero.- Finalizou con éxito no Real de Portosín a regata clasificatoria de ILCA, o Memorial Alejandra Fernández dedicada a quen foi unha das destacadas regatistas do club do Son.
Tras unha primeira xornada en branco, onde o vento non fixo acto de presenza sen poder validar proba algunha, o nordeste fixo a súa aparición na ría de Muros e Noia desde primeira hora da mañá deste domingo 17 de novembro, madrugando os participantes nunha acertada decisión do comité da regata para saír á mar ás 9.15 horas, aproveitando ata o último suspiro de Eolo que deu a súa última bocanada na finalización da última proba, a cuarta, na que se acurtou a chegada para os ILCA 6, noutra acertada decisión do comité, dirixido por Sergio del Río.
Ao poder completarse catro mangas, entraba en xogo o descarte ao peor resultado, puntuando tres das mellores probas de cada regatista que compoñerían o podio final. Desta maneira en ILCA 4, a máis xuvenil das divisións, gañaba a categoría feminina Ana Costas, do Real Club Náutico Rodeira de Cangas. A posto prata era para Lucía Vaquerizo, do Real de Sanxenxo. E bronce para Iria Carballo, do Real Club Náutico de Vigo.

En categoría masculina en ILCA 4 vencía Alejandro Pérez, do náutico vigués. Segundo foi Jaime Diaz, do Club Náutico Marina Coruña. E terceiro, Pedro Núñez, do Real da Coruña.
En ILCA 6, categoría feminina, levaba o trofeo Paula Peleteiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo. Segunda Marta Torres, do Real Náutico da Coruña. E terceiro chanzo para Alejandra Peleteiro, tamén de Sanxenxo.

En ILCA 6, categoría masculina, primeiro premio para Juan Nieto, do Club Marítimo de Oza “O Puntal”. Segundo para Samuel Cerdeira, do Club Náutico Alamar Sada. E terceiro para Martín Mijares, de Real da Coruña.
Finalmente, nos ILCA 7, só regatistas de categoría masculina, levou o Memorial Alejandra Fernández Javier Isidro, do club anfitrión de Portosín. Segundo Carlos González, do Real Club Náutico da Coruña. E terceiro, Miguel Reboreda, tamén de Portosín.
A entrega de premios celebrouse ás cinco da tarde, asistindo á mesma Jorge Fernández, pai de Alejandra Fernández, acompañado polo concelleiro de deportes de Porto do Son, Carlos Lorenzo; os membros da xunta directiva do club, José García e Eduardo Arán; presidindo o acto Jorge Arán, máximo representante do Real Club Náutico Portosín.
Patrocinou a regata a Deputación da Coruña, o Concello de Porto do Son e Gadis, contando con colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Real Federación Galega de Vela, a Confraría de Pescadores de Portosín e Azul de Portosín.




