Este mes de outubro colleu impulso definitivo a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero de Porto do Son, que ten o obxectivo de canalizar os esforzos e recursos das entidades locais (públicas, sociais, sanitarias, docentes, policiais, etc) de cara á prevención e loita contra as agresións machista en calquera das súas manifestacións. Os pasados días 23 e 30 de outubro celebrouse o programa formativo para o impulso da Mesa Local. Participaron representantes dos ámbitos sanitario, educativo e social do concello, do Goberno local (por exemplo o alcalde Luis Oujo) e dos corpos policiais con representación no termo: Policía Local e Garda Civil.
O obxectivo da formación foi o de “facilitar claves para o traballo grupal e a dinamización e participación dos axentes que forman parte das Mesas Locais, a través da mellora das capacidades para a organización e a dinamización de procesos de traballo e de toma de decisións”.
“A natureza insterinstitucional da Mesa facilitará o desenvolvemento de dinámicas cooperativas e o establecemento de redes de colaboración entre as diferentes institucións e colectivos sociais que interveñen no territorio”, sinalaron fontes do Concello de Porto a respecto dos obxectivos que se buscan con este tipo de iniciativas.