Clausurado o Programa Integrado de Emprego de Ribeira

06 Novembro 2024

Este mércores 6 de novembro celebrouse no Auditorio de Ribeira a clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello, acto ao que asistiron o rexedor, Luís Pérez Barral, o director territorial de Emprego, Juan José Couce, a concelleira Emprego, Veva Betanzos, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Facenda, Herminia Pouso, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, as técnicas responsábeis do programa, Estela Saa e Ana Serramito máis os participantes do propio Programa Integrado de Emprego.

O PIE de Ribeira, desenvolvido no Viveiro de Empresas local, seguiu o formato deste tipo de programas no seu desenvolvemento: dirixiuse a mellorar a inserción laboral, ao longo dun período de 12 meses, das persoas participantes, neste caso de Ribeira e O Barbanza, incluído o concello de Porto do Son.

O acto celebrouse na sala polivalente do Auditorio na que tiveron lugar as intervencións das autoridades, a proxección dun vídeo-resumo do programa e a entrega de diplomas aos xa ex-alumnos. Rematouse cuns petiscos no vestíbulo elaborados polos alumnos/as do CIFP de Coroso do Grao Básico de Cociña e Restauración.

O director territorial de Emprego, Juan José Couce

A edil Veva Betanzos agradeceu ao alumnado, técnicas e autoridades a presenza nesta clausura e destacou “o trato directo entre as técnicas e os participantes que resultou nun coñecemento persoal das diferentes realidades de cada un para así poder facilitar a elaboración dos vosos itinerarios de emprego e facilitar o labor de intermediación realizado por Estela e Ana con empresas de diferentes sectores”.

Tamén salientou que “a formación é o mellor xeito de mantervos actualizados e adquirir novas habilidades e será o que vos permita afrontar novos retos con maior éxito, é dicir, lograr a finalidade que desexades: atopar un emprego e mantelo no tempo”. Finalizou resaltando o papel do tecido empresarial nas prácticas de empresa “neste programa houbo moitas persoas beneficiarias. Estas experiencias permitiron aplicar os coñecementos teóricos en situacións prácticas, enriqueceron o currículo das persoas participantes e deron a oportunidade de establecer conexións profesionais valiosas no futuro e, nalgúns casos, foron o punto de partida para a posterior contratación, o cal me produce unha gran satisfacción”.

Ao longo deste PIE, o alumnado tivo a oportunidade de visitar algunhas das empresas máis importantes e punteiras da rexión. Empresas como Frouma, Lonxa de Ribeira, Mobalco, Limpezas Noroeste, Limpezas Aida, Trazos, A de Ramona, A de Maris, Eclipse, Noyva, Norat, a Cooperativa Santa Uxía, Cámping Coroso, Beni García, ou o Museo do Gravado. Grazas a estas visitas, tiveron a ocasión de coñecer de primeira man a realidade e as necesidades do tecido empresarial local. “Este contacto directo é crucial”, salientaron dende o Concello, poñendo o foco na utilidade deste contacto para “permitir entender como funciona o mercado laboral, cales son as competencias que buscan as empresas e como se poden poñer en valor os coñecementos adquiridos no PIE”.

Pola súa banda, Couce agradeceu ás técnicas, ás empresas colaboradoras e alumnos/as do programa e falou da importancia e a boa acollida destes programas integrados de emprego e dos froitos que se están recoller.

O rexedor, Luís Pérez, tamén agradeceu a tódolos actores integrantes do PIE e falou dos obxectivos da iniciativa: “Mellorar a empregabilidade das persoas en procura de emprego e abrir camiños para que a súa formación e dedicación se traduzan en oportunidades reais de inserción laboral” e engadiu: “Aquí en Ribeira, este programa logrou que o 35% dos seus participantes atopen un emprego, e iso é unha cifra significativa, un primeiro banzo que nos motiva a seguir avanzando para conseguir outro programa e novos retos”. Pérez Barral agradeceu a dedicación e implicación do equipo do PIE: “O seu traballo foi fundamental para que este proxecto chegase a bo porto. Tamén quero destacar a colaboración indispensábel do Estado e da Xunta, sen cuxo apoio este programa non sería unha realidade. É grazas a esta colaboración que podemos seguir desenvolvendo programas como este, que non só ofrecen formación, senón que tamén ofrecen esperanza e oportunidades de futuro á nosa comunidade”.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.