O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual, escritor e artista rianxeiro.
Con esta proposta, resaltou, “temos a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade” e, xa que logo, “abrimos unha porta a permanecer todos xuntos polo que nos une, permitíndonos levar a cabo accións que poñan en valor os nosos fitos e prestixien a nosa lingua”.
Así, o representante da Xunta situou esta iniciativa, para a que dixo agardar “o consenso de todas as formacións”, no marco de actuacións coas que o Goberno autonómico quere impulsar e prestixiar o uso do galego entre a sociedade.
Lembrou que a devandita únese a outras propostas que se porán en marcha como son cursos en ámbitos específicos, como o sanitario, e sobre o que onte avanzou co responsábel da Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ou os programas de voluntariado lingüístico para organizar grupos de conversa.
Estas son algunhas das medidas que figuran no documento presentado aos grupos parlamentarios nas primeiras reunións mantidas hai uns días para traballar nun Pacto pola Lingua e que continuarán en breve, así como se iniciarán tamén esta semana os encontros con outras institucións que participarán do proceso.

Tal e como recordou o responsable de Lingua do Goberno galego na interpelación sobre o Pacto pola Lingua, a súa proposta baséase en 5 liñas: a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e seguir as recomendacións da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como folla de ruta.
López Campos concluíu que con todo este proceso “pretendemos construír unha Galicia próspera na que a nosa lingua siga a ser un sinal de referencia, con liberdade, sen xerar escenarios conflitivos, e atendendo aos cambios sociais”.



