A Xunta instalará 200 carteis temporais informativos sobre a píllara das dunas no Parque Natural de Corrubedo

17 Novembro 2024

A Xunta anunciou este domingo que vai destinar preto de 185.000 euros á instalación de carteis informativos en varios parques naturais da comunidade, incluído o Parque Natural de Corrubedo, así como noutras zonas que son hábitats naturais da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) coa finalidade de “concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado destes espazos e de protexer a flora e a fauna existentes na contorna”. Ambos contratos, licitados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural o pasado verán, adxudicáronse nas últimas semanas por lotes.

O primeiro deles está dirixido á elaboración de contidos, deseño e colocación de sinais exteriores que contribúan á concienciación da cidadanía sobre o patrimonio natural e a biodiversidade existente na contorna de catro dos seis espazos protexidos de Galicia recoñecidos coa categoría de Parque Natural: Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra.

O contrato, adxudicado por case 103.000 euros e cofinanciado co Programa Galicia Feder 2021-2027, busca poñer os medios para que os visitantes destas catro zonas accedan á información sobre os valores e os obxectivos de conservación das mesmas.

Para iso empregaranse distintos elementos como tótems, paneis informativos, sinais de estrada, báculos e balizas que as adxudicatarias transportarán e colocarán na súa localización definitiva. O prazo para a execución dos traballos será de seis meses.

Protección de aves

O segundo contrato, relacionado coa píllara das dunas e enmarcado no proxecto interrexional europeo Iberalex, ten como finalidade a subministración tanto de carteis permanentes como temporais nas praias e zonas húmidas nas que habita ou nidifica esta especie autóctona de Galicia, comunidade que concentra a única poboación desta ave existente en todo o sector cantábrico-atlántico español.

Dividido en dous lotes, adxudicados por un total de 80.926,5 euros con co-financiamento europeo do Programa Interreg España-Portugal 2021-2027, o obxectivo é informar á cidadanía da presenza de píllaras nas zonas sinaladas e mellorar a conservación das poboacións desta especie, que está actualmente cualificada como vulnerable.

Con tal fin, o primeiro dos lotes é para a subministración de 60 carteis de carácter permanente para a súa entrega e instalación nos areais dos distintos concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra nos que está presente este tipo de ave.

En canto ao segundo lote, céntrase na elaboración de algo máis de 200 carteis temporais para a súa entrega ao Centro de recepción de visitantes Casa da Costa do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para a súa posterior distribución polas zonas de nidificación da especie.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.