A USC e a Xunta estudarán os efectos do cultivo de moluscos sobre as rías galegas

04 Novembro 2024

A USC e a Xunta (a través do reitor Antonio López e o conselleiro de Mar, Alfonso Villares) veñen de formalizar un acordo para o estudo dos efectos da carga do cultivo de moluscos sobre as rías galegas. A desenvolver ata 2026 e enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, o proxecto conta cun financiamento de 410.000 euros. O obxectivo é estudar as consecuencias que o cultivo de determinadas especies de moluscos pode ter sobre o ecosistema das rías. En concreto, investigarase o efecto dos polígonos dedicados ao cultivo mexillón sobre a calidade e produción do ecosistema das rías a través da avaliación tanto do seu efecto depurador como concentrador de contaminantes químicos, orgánicos e microbianos, o seu efecto sobre a calidade do ambiente sedimentario e da auga, e a dispoñibilidade de recurso alimentario para outras especies. Así mesmo, estudarase o seu potencial efecto sobre o cultivo doutras especies.

O reitor e o conselleiro do Mar asinaron os convenios polos que se rexen os traballos. Foto: Santi Alvite

Tal e como explican os responsábeis do proxecto, “as rías Baixas representan o contexto mariño no que pode estar concorrendo unha situación de deterioración ambiental irreversíbel e de colapso da produción, coa existencia de dous factores que poden ter un efecto negativo sobre a calidade das augas e sedimentos das rías: a contaminación antropoxénica das poboacións costeiras e a sobreexplotación acuícola.

Explican tamén que nesta zona o nivel de explotación por cultivo “é moi variábel”, e dependente da ría, desde o maior nivel representado pola de Arousa, ata o máis baixo da de Muros-Noia, as dúas que van ser focos do estudo. En canto para o efecto antropoxénico das poboacións costeiras, o feito de que a depuración de augas residuais non alcanzase o nivel exixido pola UE implica “unha presión negativa sobre a calidade da auga no contorno dos efluentes”, sinalan.

O equipo
O proxecto correrá a cargo de cinco equipos dos centros de investigación da USC Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global (iARCUS) e CRETUS, con capacidade científica demostrada na materia a tratar. En concreto, participan os grupos de Patoloxía en Acuicultura (GIPA), Cromatografía e Quimometría (ChromChem) e Sistemática Molecular (SISMOL), do iARCUS; e os de Física Non Lineal (GFNL) e de Ambiosol-Cartografía de Solos e Paisaxe, Físico-Química, Degradación e Recuperación de Solos e Augas, ambos os dous do CRETUS.

Os responsábeis globais do proxecto son, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global, Carlos Pereira Dopazo, e por parte da Consellería do Mar o xefe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura, Manuel García Tasende.

Ademais, o persoal científico do grupo de investigación ACUIGEN (Xenética aplicada á acuicultura e á conservación de recursos biolóxicos) da USC será quen desenvolva o proxecto RESALBER de Obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho (Cerastoderma edule). Para a realización deste proxecto, tamén este luns o reitor e o conselleiro asinaron un convenio de colaboración polo que a Consellaría achega 174.000 euros para identificar marcadores que permitan obter estirpes de berberecho tolerantes aos descensos de salinidade.

Da investigación realizada, co horizonte a finais do ano 2026, agárdanse resultados sobre a resiliencia dos berberechos fronte ás baixadas de salinidade, a base xenética da tolerancia á salinidade do bivalvo, reprodutores seleccionados e semente cunha tolerancia superior, desempeño no medio natural da semente seleccionada e validación dos marcadores identificados para a selección. “Todo, coa fin de mellorar a tolerancia á salinidade e consecuentemente a produción do berberecho nas rías galegas”, explica a USC.

As actuacións desta iniciativa realizaranse en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, a Confraría de pescadores de Vilaxoán, a Confraría de pescadores de Moaña e as Confrarías de pescadores que xestionan a Lonxa de Campelo (Pontevedra, Lourizán e Raxó).
 

Outros artigos

No Son abriu o prazo dos cursos creativos municipais

O Concello de Porto do Son abriu o prazo para participar na nova oferta de obradoiros e actividades formativas e creativas dirixidas á veciñanza para o curso 2026/2027. As clases darán comezo neste mes de outubro e abranguen disciplinas tanto artesanais como...

+

Volve o Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro e a Secretaría Xeral da Lingua presentaron hoxe a VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, coa que as dúas entidades, en colaboración con El Corte Inglés, pretenden fomentar a creación poética en lingua galega á vez...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.