
A Deputación da Coruña, vén de conceder 14 prazas ao Concello de Ribeira, para participar na Campaña da Neve 2025. As solicitudes para poder participar neste programa da entidade provincial deberán facerse no Rexistro Xeral do Concello de Ribeira, ata o 2 de decembro.
As persoas participantes neste programa gozarán de 4 días con aloxamento e manutención, nun albergue a pé de pista, e contarán con cursos de esquí e actividades complementarias na estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias).
O programa vai destinado a nenos e nenas, de 11 a 15 anos inclusive cumpridos a 31 de decembro de 2024. Terá preferencia a rapazada que non participase en ningunha Campaña de Neve da Deputación.
A praza inclúe transporte, estadía e manutención na estación invernal de Valgrande-Pajares, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.
A cota de inscrición é de 85 € (oitenta e cinco euros).
Como dixemos, nesta Campaña da neve 2025 ao Concello de RIBEIRA correspóndenlle 14 prazas
na quinta quenda, que é a que transcorre dende os días 7 ao 10 de febreiro. No suposto de ter máis solicitudes que prazas concedidas pola Deputación, realizarase un sorteo público diante do secretario/a do concello para adxudicar estas. Para calquera aclaración relacionada co programa, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co departamento de deportes da Deputación en deportes@dacoruna.gal ou o teléfono 981080319



