A Deputación da Coruña achega unha folla de ruta estratéxica para o futuro do sector pesqueiro

30 Novembro 2024

A sede da Deputación da Coruña acolleu este sábado 20 de novembro as xornadas Rumbo sostible: Conversacións sobre o futuro que queremos para o sector pesqueiro, organizadas pola área de Mar e Medio Rural da institución provincial. O  encontro reuniu a representantes das confrarías de pescadores, institucións, comunidade científica e expertos en recursos mariños, consolidándose como un foro clave para abordar os retos e oportunidades do sector.

A deputada Cristina Capelán Cancelo inaugurou as xornadas, destacando que, por primeira vez en 200 anos de historia, a Deputación conta cunha área específica de Mar, Medio Rural e Apoio a Sectores Produtivos. “Esta aposta reflicte o compromiso do Goberno provincial co futuro do sector pesqueiro, reforzado tamén con feitos como o incremento do orzamento destinado ás confrarías de pescadores da provincia, que pasa de 500.000 a 650.000 euros anuais”, apuntou a deputada.

Durante a xornada, tratáronse cuestións fundamentais para a sustentabilidade da pesca artesanal e a preservación dos recursos mariños. Abordouse o impacto do cambio climático na flota artesanal e a necesidade de conservar os ecosistemas costeiros, coa colaboración de investigadores do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e a Universidade de Santiago de Compostela.

Amais analizáronse estratexias para a revalorización dos produtos pesqueiros e para unha xestión sostíbel dos recursos mariños, coas experiencias compartidas por confrarías como as de Noia, Barallobre e Aguiño, e por representantes da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (RIMP) Os Miñarzos, a primeira da costa atlántica da península Ibérica, creada por iniciativa da confraría de pescadores de Lira (Carnota).

A xornada pechouse coa presentación de casos de éxito e proxectos innovadores que combinan tradición, innovación e respecto polo medio ambiente. Estes exemplos demostraron como a diversificación e a colaboración poden fortalecer as economías locais e mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras.

Como resultado, a Deputación elaborará unha folla de ruta práctica na que a aposta pola innovación e a cooperación serán alicerces para o futuro do sector. Cristina Capelán subliñou que o éxito destas xornadas reflicte “a importancia de sumar esforzos entre institucións, sector produtivo e comunidade científica para garantir a sostibilidade dos recursos mariños e preservar a herdanza mariña galega para as xeracións futuras”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.