
O municipio coruñés de Cariño con algo menos de 4.000 veciños, ten unha superficie de 47 quilómetros cadrados no territorio do Ortegal, o que lle outorga unha densidade de poboación de 78,7 habitantes por quilómetro cadrado. Na capitalidade do concello fica a parroquia que da nome a este e, coma concello, constitúe o número 313 da comunidade autónoma de Galicia grazas a que a veciñanza soubo defender xudicialmente o seu dereito á segregación do concello de Ortigueira, certificada esta o 21 de xaneiro de 1988.
Dolmes e laxes falan da antigüidade da poboación desta terra dende o monte do Limo á punta da Herbeira, pasando polo castro da Moura e os da Punta do Castro e de Cancela. Mesmo en San Xiao do Trebo, que acubillou debaixo da capela os restos dunha vila romana.
O grande salto económico e social de Cariño produciuse entre os séculos XIX e XX, cando se converteu nun importante porto pesqueiro e fabril grazas a apertura de fábricas de conservas e a iniciativa de migrantes doutras zonas de España que, amais das fábricas de conservas e salgaduras, procuraron man de obra feminina (practicamente máis do 60% das mulleres tiñan traballo neste sector, mentres que a maior parte dos homes compatibilizaban traballo na pesca e na agricultura e gandaría).
Daquel vello esplendor só quedan as lembranzas da emigración -masiva- a Francia, Suíza, Inglaterra e Alemaña, xunto cos que optaron por outras comunidades españolas.
Hoxe en día, Cariño é un pobo que non ten doado retomar o pasado e no que prosperan un cento de ucraínos aquí asentados e ben acollidos polos cariñeses. Uns e outros non saen do seu asombro: a praia da Basteira, situada case no centro de Cariño e un dos grandes atractivos turísticos do concello, está a ser a protagonista dunha actuación que mobilizou o pobo para, na pasada fin de semana, constituír unha asociación veciñal que aguilloe á corporación municipal en vista da nula oposición que esta fai á Xefatura da Costas, a Portos de Galicia e á Xunta no proxecto de dragar o porto para que poidan atracar sen problemas os barcos que aquí cargan mineral de dunita e troncos de madeira que deixan un indiscutible beneficio a prol da Xunta de Galicia que, aparentemente, non se traduce en melloras para os cariñeses, convertido o seu pobo nunha enorme residencia de anciáns e con poucos, escasos, cativos.
Cariño perdeu a práctica totalidade da súa frota pesqueira, perdeu o 99% das fábricas de conserva e salazón, perdeu os tres cines que tiña. Non se habilitan servizos de garderías infantís, non hai policía municipal e cando precisan os veciños dos servizos da Garda Civil (que antes tiñan) han agardar a que veña de Ortigueira (distante 10 quilómetros) un coche patrulla.
A area que se extrae do fondo mariño do porto están a amontoala no fondo da praia da Basteira, co que acaban coas posibilidades do marisqueo na zona e acoutan áreas moi utilizadas polo turismo para o baño ou tomar o sol, creando ao dicir popular, un beneficio para a Xunta e Portos de Galicia que “non se explica”. Esa mesma area, con trazas evidentes de pedras de dunita que impiden o baño e a cría de marisco, debería ser devolta á mina de Landoi nos mesmos camións que a guindan no porto cariñés e que, en non pouca cantidade, vai parar ao mar na manobra de carga dos barcos que veñen por ela cada poucos días, segundo fontes da confraría.
A confraría de pescadores de Cariño non entende a pasividade da alcaldesa diante destes feitos. E a Xunta determina que os estudos realizados por Portos de Galicia “recoñecen” a “calidade da area” depositada na praia da Basteira. E tira a conclusión de que esa area “presenta unha granulometría compatible cos sedimentos da praia”.
O patrón maior da confraría de pescadores, Carlos Pardo, é decidido partidario de que unha institución allea á Xunta practique unha contraanalise dos vertidos, pero a Xunta, afirmou Carlos Pardo a este xornal, “non admite a mesma porque non a controlaría”.


