
Este venres 22 de novembro vaise celebrar en Boiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria, o gran acontecemento anual do tecido produtivo boirense: sétima edición da Gala dos Premios ABE á Excelencia Empresarial. A cita comezará ás 20.30 horas cun cóctel de benvida e un photocall e proseguirá logo, sobre as 21.00 horas, coa entrega de galardóns. Deseguido haberá pinchos e viños e a gala rematará arredor das 23.00 horas cun concerto da artista galega Catuxa Salom. Trátase dun evento exclusivo para socias e socios da ABE e convidadas/os.
Mellor comercio
Na categoría de mellor comercio o gañador desta edición foi Gastrolab Arousa o espazo gastronómico de Miguel Mosteiro, chef seleccionado para representar a cociña galega na Expo de Milán 2015, CIIE Shanghai 2019 e Foodex JAPAN 2020; relator en moitas das feiras gastronómicas máis prestixiosas da xeografía estatal: Alimentaria (Barcelona), Salón Gourmet (Madrid), Fórum Gastronómico (A Coruña), Fórum Gastronómico (Xirona), Gourmet Black Label (Pontevedra), Fórum Gastronómico (Santiago de Compostela), Conxemar (Vigo), Salimat (Silleda), FITUR (Madrid), Salón Náutico de Barcelona, etc.
A ABE destaca o labor de Gastrolab organizando todo tipo de eventos gastronómicos tanto nas súas instalacións como a domicilio: demostracións, festas gastronómicas, campañas de difusión de produtos, servizo de catering personalizado (cociñeiro a domicilio, banquetes, eventos populares…), obradoiros gastronómicos como degustacións e maridaxes, cursos de cociña dirixidos tanto a profesionais como afeccionados, consultoría, I+D, etc. Ademais, conta cunha tenda para grandes seareiros da cociña, onde poden adquirirse os produtos máis exclusivos para o fogar.
Mellor empresa
Na categoría de mellor empresa a gañadora foi Grupo JJ Chicolino que con máis de 20 anos de experiencia. Está formado por catro empresas que aportan todo tipo de solucións para os sectores industriais máis importantes como o mariño, o alimentario, etc. Cada empresa ten produtos específicos e a interrelación entre eles permite ofrecer solucións complementarias que, doutro xeito, obrigarían ao cliente a acudir a distintos provedores: JJ Chicolino (fabrica e comercializa todo tipo de produtos para a pesca, o marisqueo, a acuicultura e o cultivo de mexillón: redes, cordas e cordas para mexillón, varas de agarre, cadeas, complementos, etc), EGALSA (produtos e solucións de envasado: mallas tubulares, bolsas, caixas de madeira e plástico, maquinaria de envasado industrial, baleiro e envasado, accesorios, etiquetas, etiquetado de envases, envases, palés), ROTOGAL (empresa referente en produtos e solucións de rotomoldeo, contedores e palés rotomoldeados isotérmicos, boias de amarre e de cultivo mariño, barreiras viarias, servizo de rotomoldeo baixo petición, etc) e Oziona (empresa especializada en ofrecer solucións para o entretemento: instalación e deseño de parques infantís, instalación e construción de pistas polideportivas, instalación e construción de pistas de pádel, campos de fútbol con herba artificial, ximnasios ao aire libre…).
Premio de honra
Trátase dun galardón acordado pola xunta directiva da asociación e que trata de poñer en valor a traxectoria dunha persoa empresaria na que a súa xestión representara un exemplo para os emprendedores da localidade e que a empresa que lidera tivera unha traxectoria destacada.
Nesta edición o galardón recaeu en José Otero Arias fundador en 1977 da empresa Boirense Electrodomésticos Otero (Grupo Cenor) unha empresa familiar que sempre estivo á vangarda da tecnoloxía e os mercados cun local de 650 metros cadrados que permite ofrecer aos clientes un gran catálogo de electrodomésticos, imaxe, informática e son para o fogar.
A directiva argumentou os seguintes motivos para a elección deste gañador: “Pola súa ampla e contrastada traxectoria empresarial ao fronte dun dos comercios con mais tradición da localidade; pola súa contribución ao desenvolvemento económico do pobo; e pola súa capacidade de traballo, esforzo e adicación ao negocio”.



