
Coa Unión Europea liderando a idea da instalación de parques eólicos mariños preto da costa, España prevé a cimentación fixa ou flotante de aeroxeradores mariños que, no ano 2030, produzan unha enerxía de 110 GW. O proxecto está auspiciado pola Asociación Empresarial Eólica (AEE) conformada por máis de 330 empresas asociadas que representan a máis do 90% do sector no Estado español. A antedita asociación afirma que o impacto ambiental dun parque mariño flotante para a fauna e flora mariñas son moi reducidos, máis os datos que baralla a Plataforma evidencian todo o contrario e fai un chamado a frear a implantación da eólica mariña adiando o desenvolvemento normativo que regula a produción desta enerxía a partir de fontes renovábeis en instalacións situadas no mar.
É unha proposta da Plataforma para suspender “a poxa dos nosos mares” ata que os científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) rematen os seus estudos sobre os posíbeis impactos tanto nos stocks de peixe como na propia frota.
Mentres tanto, o Goberno ultima detalles para o estudo da xeración de enerxía eléctrica por medio da eólica mariña que, en teoría, pagará un canon para a pesca e os concellos afectados, algo que o sector pesqueiro para nada acredita. Un sector, o español, que neste eido reduciu o número de profesionais nun 3,4%, quedando en pouco máis de 23.000 empregados. O número de buques operativos pasou a ser de 8.657 unidades en decembro de 2021, arredor dun 0,9% a respecto do ano anterior. A actividade extractiva acadou en 2022 unha venta por valor de 900 millóns de euros, un 5,2% máis que o ano previo.
Agora está por se comprobar a realidade dos parques eólicos mariños no que atinxe á pesca: os aeroxeradores están conectados coa subestación do parque eólico respectivo por medio dunha rede interior de cables submarinos. A ordenación do Espazo Marítimo contempla unha distancia de seguridade de ao menos 500 metros entre un parque eólico e calquera ruta marítima próxima, e a AEE asegura (en contra do que din os mariñeiros) que “é viable o tránsito de embarcacións menores dentro da área dun parque eólico, baixo certas condicións (non indica cales), de xeito que se permite, por exemplo, a pesca pasiva”.
É “pasiva” a pesca profesional?. Por que non se fala desta?. Poden os barcos exercer a pesca extractiva nas áreas dos parques eólicos?. Garante a AEE ou o Goberno que un parque eólico non afecta a un caladoiro de pesca?.
Son preguntas que deberían ter unha resposta nidiamente clara do que, para a pesca profesional van significar os parques eólicos mariños que en bo número se van instalar fronte ás costas galegas.


