Millóns de españois nacidos na posguerra vivimos a maior parte das nosas vidas sabendo que había países que contaban con normas básicas de convivencia ou de dereitos fundamentais dos que aquí carecíamos no franquismo. Esta situación rematou oficialmente en 1978, ano no que o sistema político e de ordenamento xurídico de España entrou en vigor coas súas normas, dereitos fundamentáis e as liberdades públicas, os principios de actuación dos poderes públicos e a organización institucional e territorial do Estado. Nacía a Constitución Española.
Case medio século dempois, cidadáns daquela época aínda vivos e moitos outros millóns incorporados á sociedade nas distintas poboacións do Estado, contemplamos incrédulos como un dos artigos, concretamente o 47 desa Constitución (que garante o dereito dos españois a unha vivenda digna) é “papel mollado” para unha boa parte dos cidadáns con dereito a seren recoñecidos coma españois.
Este dereito, en grande medida, está tan “no aire” coma no franquismo, cando carecíamos de Constitución e imperaba a Lei Constitutiva das Cortes de 27 de xullo de 1942, unha das oito Leis Fundamentais do Reino que daban apariencia de parlamentarismo á ditadura.
A vivenda é un Dereito Humano recollido coma tal na Declaración Universal, e a situación actual en España vulnera o artigo 31 da Carta Social Europea ratificada por España o 29 de abril de 1980, ao que acode o sindicato UGT para reclamar ante o Comité Europeo dos Dereitos Sociais do Consello de Europa contra o Reino de España por incumprimento dese artigo 31 que, como dicía, establece que “toda persoa ten dereito a vivenda”.
Deste xeito non pode estranar que se fale dunha demanda -a de UGT- que implica a todas e cada unha das administracións competentes nesta matéria, que non é só responsabilidade do Goberno do Estado, senón fundamentalmente das comunidades autónomas e os concellos españois.
Non hai vivenda social. E Galicia carece dunha política que acredite a construción da vivenda social que os galegos precisamos para, dunha vez por todas, rematar coa especulación evidente na maior parte da xeografía desta comunidade autónoma onde boa arte dos salarios que perciben os traballadores novos e os xubilados non chegan para pagar un aluguer de vivenda -maiormente vella e carente de medios axeitados ás necesidades actuais dos alugados-, electricidade, gas, auga, recollida de lixo, etc., e ao mesmo tempo, alimentarse.
As vivendas protexidas permiten ás persoas con menos recursos ter un lugar no que vivir e cada comunidade autónoma establece os requisitos para poder poder comprar ou alugar este tipo de inmobles.
Segundo os datos que se barallan actualmente, hai máis dun millón e medio de persoas entre 25 e 34 anos que non son quen de se independizar en España, e máis da metade dos xoves entre 25 e 29 anos viven cos seus pais ou con algún deles.
Pero temos unha Constitución que garante o dereito dos españois a unha vivenda digna. De quen?.