Primeiros pasos para unha cidadanía enerxética no Barbanza

18 Outubro 2024


O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convocou o primeiro encontro aberto para abordar o potencial e os beneficios de establecer unha comunidade enerxética na comarca, destacando a importancia de aproveitar os recursos locais de maneira eficiente e equitativa. Esta xornada participativa foi coordinada pola USC (a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra) e a Universidad Pablo de Olavide coa colaboración do Observatorio Eólico de Galicia.

Esta actividade está financiada con fondos europeos, grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

O evento, celebrado este xoves 17 de outubro, enmarcouse na acción 1 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que ten como obxectivo apoiar ás comunidades de montes na transición cara a modelos de xestión sustentábel. A xornada foi dinamizada por Xavier Simón, catedrático de Economía aplicada na Universidade de Vigo e representante do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), quen achegou a súa experiencia como experto en transición enerxética e desenvolvemento do medio rural.

Durante a xuntanza, participaron a Administración local, comunidades de montes e asociacións de Rianxo e doutros lugares da península do Barbanza. Analizáronse diferentes modelos de comunidades enerxéticas e os beneficios de implementar unha no territorio. Resaltouse a importancia de adaptar o modelo de comunidade enerxética ás necesidades de consumo das persoas asociadas, para garantir a súa eficiencia e viabilidade.

Entre os asistentes, destacou a presenza das comunidades de montes integrantes da Plataforma pola Defensa do Monte, socias do proxecto. O seu presidente, Rafael Saco, recalcou que a xustiza enerxética debe ser un criterio esencial para asegurar que todos os membros se beneficien de maneira equitativa. Ademais, subliñou que as comunidades enerxéticas representan unha oportunidade chave para abordar a pobreza enerxética de forma efectiva, promovendo un acceso máis xusto e igualitario á enerxía. Engadiu que non existe un único modelo, polo que os próximos pasos consistirán en explorar cal é o que mellor se adapta ás necesidades das
comunidades socias do Laboratorio.

Simón destacou a importancia de aproveitar a experiencia doutras comunidades e de utilizar infraestruturas existentes, como os tellados, evitando así ocupar terras que son necesarias para a produción de alimentos e madeira, e reducindo a necesidade de grandes investimentos ao usar os recursos xa dispoñibles. O enfoque dunha produción e un consumo de enerxía colectivo é máis económico que o convencional, xa que permite compartir instalacións e reducir custos.

As razóns para ser unha cidadanía enerxética son diversas. Durante a xornada indicáronse que as máis comúns son: fomentar o ecoloxismo, aumentar a autosuficiencia, xerar novas oportunidades laborais e responder ás directivas europeas e aos impactos do cambio climático, contribuíndo a reducir a dependencia do gas natural e do petróleo procedentes de fóra da Unión Europea.

As comunidades presentes evidenciaron a necesidade dunha xestión comunitaria da enerxía local. Os organizadores da xornada destacaron que estas entidades posúen unha ampla experiencia na xestión colectiva dos seus recursos, polo que “están nunha posición ideal para avanzar cara a un modelo de autoxestión enerxética, que se perfila como un camiño cada vez máis viábel”.

Ao rematar a exposición de Simón, abriuse un debate entre os asistentes sobre a transición enerxética local. Como punto en común, destacouse a necesidade dun cambio de paradigma no consumo de enerxía e subliñouse a importancia do autoconsumo colectivo como chave para o aforro, e a necesidade de axustar os nosos hábitos de consumo aos momentos de maior produción, co obxectivo de maximizar os beneficios e facer un uso máis eficiente da enerxía dispoñíbel.

Apoio

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...