
O PSOE de Rianxo lanzou un comunicado no que volve mostrar a súa intención de “colaboración para
garantir que o POS 2025 sexa aprobado e así impulsar un cambio no modelo deportivo e social”. En concreto, o grupo municipal socialista de Rianxo fai un chamamento ao Goberno local “para iniciar negociacións en torno ao Plan de Obras e Servizos (POS) 2025 da Deputación da Coruña”, que, segundo indican, “nos vindeiros meses deberá ser debatido en pleno, co obxectivo de garantir a súa aprobación e, ao mesmo tempo, “promover un cambio profundo no modelo deportivo e social do municipio”.
Oscar Rial, voceiro dos socialistas de Rianxo, expresou “a necesidade de que Rianxo en Común dea un paso adiante, e materialicen as canles de comunicación necesarias para establecer un acordo sobre a aprobación deste POS 2025”. A vontade dos socialistas é a de analizar as propostas coa antelación suficiente e propoñer un acordo de lexislatura 25-27 para “este punto tan importante como é o POS, o plan de obras e servizos, que lle permitirá a Rianxo executar obras de envergadura, grazas á aportación de fondos por parte da Deputación da Coruña”.
Engaden no comunicado que “agardamos que nas vindeiras semanas Rianxo en Común propoña algunha
reunión formal con oso Grupo para avanzar neste posible acordo e garantir de novo a execución do POS 2025-2027″.
E apunta: “Desde o PSOE de Rianxo, insistimos en que este POS debe ser unha oportunidade para mellorar as infraestruturas e servizos que afectan directamente o benestar dos nosos veciños e veciñas a nivel social e cultural, aínda que tamén segue sendo primordial continuar co saneamento e abastecemento, malia que nestes aspecto os socialistas de Rianxo insistimos na licitación dun contrato para a súa xestión o antes posíbel”.
Oscar Rial engade que “consideramos que a licitación deste contrato debe ser un reto a conseguir no 2025”.
O grupo presentou as seguintes demandas que considera “prioritarias” e que “cremos fundamentais para a súa inclusión no POS 2025”.
-Construción de beirarrúas no lugar de Xogo dos Bolos.
-Asfaltado de camiños e saneamento na Capela – Araño.
-Asfaltado de pistas en Abuín e completar o saneamento en Rañó.
-Reparación e acondicionamento do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña.
-Remodelación da área recreativa da Lomba
-Remodelación da área recreativa da Martela
-Remodelación do Centro Cultural de Asados
-Acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio de Isorna e cerrar o patio da escola Unitaria de Quintáns



