Os alcaldes de Barbanza Arousa (a vertente sur do Barbanza, integrada por Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo) fixeron un chamamento aos grupos parlamentarios galegos para que voten a favor da admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol do Recoñecemento e Protección das Actividades Pesqueiras e Marisqueiras Tradicionais, que se debaterá o próximo 22 de outubro na Cámara galega.
A ILP busca preservar e dar recoñecemento oficial a un sector económico e social clave na vida e cultura de Galicia.
Nunha comparecencia conxunta celebrada en Ribeira, as/os representantes dos catro concellos expresaron a necesidade de recoñecer legalmente estas actividades como de interese xeral, instando a que se integre un novo artigo na Lei de Pesca de Galicia que recoñeza a importancia do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola tradicional.
Así mesmo, solicitaron que nos futuros plans de ordenación do espazo marítimo sexan priorizado e garantido o desenvolvemento destas actividades mediante un informe preceptivo da Consellería do Mar fronte a outros proxectos que poidan impactar negativamente a contorna e as actividades produtivas.

Sector estratéxico e motor económico local
Na súa declaración conxunto, explicaron que o sector pesqueiro e marisqueiro tradicional na ría de Arousa “é un motor económico de primeira magnitude na comarca, xerando tanto emprego directo como indirecto, mesmo en épocas de crises”, e quen en 2023, a actividade do marisco e a pesca tradicional na ría empregou a 1.544 mariscadores (44 % de Galicia), contou con 1.558 embarcacións e 2.319 bateas de mexillón (68,7 % da produción galega), xerando 4.177 empregos directos. Ademais, sinalaron que os empregos en terra relacionados con esta actividade multiplican o impacto ata 16.708 empregos indirectos. En total, lembraron, “o sector suma preto de 19.000 empregos na comarca, un piar esencial para o desenvolvemento económico e social dos municipios costeiros”.
Impacto na economía e cohesión social na comarca de Arousa
O presidente da Mancomunidade Arousa-Barbanza e alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou o valor socioeconómico do sector na economía local. “As cifras reflicten a súa relevancia na achega ao PIB dos concellos: Ribeira (32,17 %), A Pobra do Caramiñal (24,17 %), Boiro (22 %), Rianxo (12,55%) ao igual que nos outros concellos da ría: A Illa de Arousa (22,68%), O Grove (20,73%), Cambados (17,91%), Catoira (13,06%), Vilanova de Arousa (10,62%) e Vilagarcía de Arousa (4,32%)”. Esta actividade, dixo o rexedor ribeirán, “non só xera riqueza, senón que a distribúe ao longo do territorio, consolidando a economía local e favorecendo o asentamento de poboación”.
Un legado cultural, turístico e ambiental
María Outeiral (Boiro), José Carlos Vidal (A Pobra), Julián Bustelo e Luís Pérez Barral (Ribeira) lembraron que “a pesca tradicional e o marisqueo son tamén parte fundamental da identidade cultural de Galicia, proporcionando un trazo diferencial que enriquece a oferta turística da comarca” e que “Arousa desenvolveu un turismo baseado na calidade das súas augas, a singularidade etnográfica do mar, a beleza das súas paisaxes e unha gastronomía de renome, onde os produtos locais ocupan un lugar central”.
Factor Sustentabilidade
A ILP pretende garantir a sustentabilidade e o futuro das actividades pesqueiras e marisqueiras en Galicia. “É imprescindíbel protexer á nosa xente do mar, recoñecer a importancia do seu traballo e ofrecerlles unha perspectiva de futuro. A pesca e a acuicultura tradicional non só son esenciais para a economía galega, senón que representan un patrimonio cultural e ambiental que debemos preservar para as xeracións futuras”, afirmou Pérez Barral.
Con esta iniciativa, os alcaldes da Barbanza instan a todos os Grupos Parlamentarios a apoiar a ILP no Parlamento de Galicia, esperando que a súa aprobación fortaleza o recoñecemento e apoio a un sector que é vital para a rexión e que encarna unha das tradicións máis arraigadas e respectadas de Galicia.



