“O que nos preocupa aos cidadáns transcende aos partidos políticos?” – Antón Luaces

23 Outubro 2024

Recoñezo que me sinto desconcertado polas constantes tirapuxas que se producen no panorama político español que, en máis dunha ocasión, me fan cavilar en se verdadeiramente os partidos políticos constituídos en España e que supostamente nos representan no Congreso e o Senado, debaten nas Cortes asuntos que teñen interese partidario máis ca interese da cidadanía. Por este motivo pregunto ao vento mareiro: estou conforme con que o partido ao que votei nas últimas eleccións perda o tempo -que pagamos a prezo de ouro- neses debates tantas veces absurdos que non resolven os moitos problemas que nos afectan e que nunca reflicten a realidade do país?.

E, en boa medida, a resposta vén por boca da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz que, onte mesmo, criticaba que os partidos se querelen, en referencia ás medidas xudiciais que, tanto o PP coma o PSOE, adoptaron estes días porque, dixo Yolanda Díaz, “non arranxan os problemas da cidadanía”. Engadiu que o “e ti máis” non dá solucións a aspectos coma a corrupción e que esta cómpre previla para que non se produza.

Como?

Non outorgando oportunidades a aqueles susceptíbeis de se corromper. Digo eu.

Sei que se pode argumentar que non é doado. Mais, repregunto: quen entra de cheo na corrupción non evidencia que o fai, pode ocultar que é un corrupto?

Para min, e podo estar errado, que sempre hai signos externos de que algo non cadra co ser diario de determinada persoa. E sendo así, pórlle freo.

Sempre lembrarei os tempos duros do narcotráfico en Galicia. Porque durante cinco anos traballei para coñecer a trama deste que semellaba ser un mal endémico en Galicia e que no porto de Cambados, cando contemplaba unha planadora con cinco motores de 250 cabalos cada en seu que durante a noite anterior perseguiran na ría de Arousa os axentes de Aduanas, fun ameazado veladamente con me “pasar pola quilla” para que vise “se esta era ou non plana” (confeso que, a requirimento de quen ameazou no senso de se tiña interese na embarcación, respostei que era “moi bonita” pero que semellaba ter a quilla plana) inmediatamente souben que o porto de Cambados, con moita frota pesqueira que empregaba gasóleo para os seus desprazamentos, non podía ter un único surtidor de combustible e este era de gasolina de 90 octanos. Vostede, lector/a, xa me entende e tira conclusións.

É como quen, sendo un humilde zapateiro, de repente aparece en sociedade coma propietario de grandes edificios e comercios e non precisamente porque lle tocara a lotaría. Cheiraba a chamusco e a veciñanza decatouse de que “entrara na drogha”. Sempre hai algo que delata, máis cedo ca tarde, a quen delinque, a quen se corrompe, a quen atenta contra a honestidade. E en política, máis aínda. Porque os políticos teñen a obriga de facer unha declaración de bens que, se se quere, pode servir de base para coñecer o por que do incremento de capital.

É ou non é?

Pois daquela, que sexan  os partidos políticos os que limpen as súas merdas internas cando se producen  casos de corrupción coa Xustiza de por medio; pero nas Cortes, miñas donas, meus cabaleiros, debatan vostedes do que preocupa de verdade aos electores. Aos votantes. Ao pobo, carafio.

Sen máis.

Outros artigos

“Abusos e indefensión” – José Manuel Pena

Cando existe unha emerxencia habitacional, todas as Administracións Públicas teñen que poñerse as pilas para garantir o Dereito á Vivenda, recoñecido na Constitución española así como en moito Tratados e Organismos Internacionais. Algúns nos preguntamos, actualmente,...

+

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.