O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu o acto de entrega de premios do certame Atrévete a a ter unha idea a un total de 77 alumnos de 11 centros de Primaria e Secundaria, incluído o IES Leliadoura de Ribeira, que achegou unha axencia de viaxes personalizadas e especializada no Barbanza.

Atrévete a ter unha idea é un certame da Xunta de Galicia enmarcado no Plan Eduemprende que promove o emprendemento entre os escolares.
Rodríguez gabou a calidade e a creatividade dos proxectos presentados e animou aos alumnos a seguir a senda do traballo e a responsabilidade. “Hai unha gran valentía en todas as vosas propostas, e é precisamente o valor o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas para mellor”, sinalou dirixíndose aos asistentes ao acto que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Politécnico, en Santiago, e que contou coa presenza de representantes de distintas entidades empresariais de Galicia.
Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial.
O concurso conta con catro modalidades de participación –individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.
Primaria
Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria foron desde unha empresa de alugueiro de bicicletas eléctricas desenvolvida polo colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo), ata unha máquina que corta e coloca a leña, pensada no CEIP Vicente Risco (Cualedro), pasando por un coche que funciona con enerxía eólica e que foi ideado por un alumno do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo).
Na categoría grupal de Primaria, as ideas que mereceron recoñecemento foron un hotel no que a clientela pode cultivar as súas propias hortalizas, proposto polo CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); unha cesta que calcula o prezo dos produtos que se queren adquirir antes de chegar á caixa, ideado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), e un proxecto co que reaproveitar as instalacións da antiga central térmica de As Pontes, deseñado no CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes).
Secundaria
O alumnado premiado en individual de Secundaria propuxo ideas como un espazo artístico multidisciplinar, desde o IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes); unha empresa de pendentes personalizábeis, creada no CPR Plurilingüe Lar (Mos); e un servizo de limpeza integral de zapatillas, nacido no IES Alexandre Bóveda (Vigo).
Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria, foron premiados o IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela), cunhas lentes que se adaptan ás necesidades do usuario e que ademais permiten cargar outros dispositivos grazas á enerxía solar. Tamén recibiron recoñecemento as ideas do IES Leliadoura (Ribeira), que, como dixemos, presentou unha axencia de viaxes personalizadas e especializada no Barbanza e a do CPR Plurilingüe Lar (Mos), que propón unha máquina expendedora que permite facer a compra a persoas con mobilidade reducida.




