A sala de actos do edificio da Confraría de Porto do Son acolleu o pasado venres 25 unha xornada de divulgación do GALP Costa Sostíbel, adicada á análise dalgúns complementos alternativos para o sector pesqueiro e a súa posíbel implantación no territorio.
Amais dos representantes das confrarías e da directiva do GALP, participaron o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo e as/os concelleiras/os de Administración, Magdalena Pérez, Cultura e Turismo, Alicia Martínez, e Deporte e Xuventude, Carlos Lorenzo. O obxectivo era mostrar “uns bos exemplos de actividades cos que conseguir uns complementos alternativos para a actividade pesqueira”.

Interviñeron Sauro Martínez, patrón maior de Sanxenxo, que ofreceu o relatorio A pesca turismo como complemento da actividade pesqueira, falando da súa experiencia á fronte do proxecto Mariñeiro por un día, que consiste na organización de excursións de pesca no seu propio barco, o Praia de Sanxenxo, un pesqueiro de 3ª con 11,5 metros de eslora, que lle serven para recibir uns ingresos complementarios que lle axudan a desestacionalizar o seu traballo.
Na cita tamén falou Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa, co relatorio A recolección de algas como oportunidade alternativa para o sector, quen debullou unha recente iniciativa da Confraría da Illa que consistiu na adquisición dun moderno tractor e dun guindastre para a recollida de algas, iniciativa que facilitou as actividades de marisqueo e a obtención de ingresos extra coa venda do argazo a distintos sectores industriais.

No acto tamén interveu Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible, coa charla Liñas de axuda para o sector pesqueiro no GALP Costa Sostíbel. Oviedo expuxo as posibilidades de axudas que os Fondos Europeos FEMPA ofrecen ao sector da pesca e a acuicultura no horizonte 2027. A relatora tamén adiantou a realización de novos cursos de turismo mariñeiro e pesca-turismo. Comentou que no primeiro trimestre de 2025, o GALP ofrecerá un novo curso para que os interesados poidan obter o PERMEX de recolección de algas. “O obxectivo é ambicioso, pois trátase de abrirse a un mercado crecente, con enormes posibilidades aínda por explotar”, dixo.
Ao remate do acto celebrouse un pincho-coloquio.



