O Concello de Boiro apraza o Día da Bici, previsto para este domingo, debido á previsión meteorolóxica. Na nova data escollida para a celebración do evento será o domingo 20 de outubro no mesmo horario.
“Non é unha proba deportiva, senón un evento pensado para que participen persoas de todas as idades polo que o que debe primar é a seguridade dos participantes”, afirmou o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo.
O percorrido manterase o mesmo para o domingo día 20 con saída ás 11.00 horas da praza de Galicia pola rúa Principal e avenida de Compostela ata a Agramuíña (Escarabote), onde se vai realizar o primeiro dos agrupamentos. Continuará por Barraña para tomar dirección Cabo de Cruz pola avenida de Barraña e o esteiro do Coroño. En Cabo de Cruz farase un segundo reagrupamento e volverá a Boiro por Sestelo, o Seán, Exipto e a DP-1106 para chegar a Boiro e rematar na praza de Galicia.
As inscricións para poderanse seguir facendo ata o venres día 18 de outubro ás 12.00 horas no Departamento de Deportes do Concello de Boiro, situado na Casa da Cultura, ou no correo electrónico deportes@boiro.org.