
Ao abeiro do ciclo de cinema itinerante dos Premios Mestre Mateo, que leva pola xeografía galega as producións da nosa terra premiadas no certame, o Centro Social de Boiro vai acoller este domingo 13 de outubro ás 19.30 horas a proxección do filme O corno.
O corno é un filme galego de 2023 dirixido e escrito por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernandes e Carla Rivas. Estreouse no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2023 antes de presentarse á 71ª edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, onde se converteu no primeiro filme en galego en competir na sección oficial. O 30 de setembro de 2023 converteuse tamén no primeiro filme en galego en gañar a Cuncha de Ouro á mellor película no Festival de Donostia.
Organiza a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello.
Sinopse de O corno
Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida recollendo marisco. Tamén é coñecida na illa por axudar a outras mulleres no parto con especial dedicación e coidado. Tras un suceso inesperado, vese obrigada a fuxir e emprende unha perigosa viaxe que lle fará loitar pola súa supervivencia. En busca da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha dos roteiros de contrabandistas entre Galicia e Portugal.
Factum o domingo 20 e Matria o 27
Outro dos filmes que se van proxectar ao abeiro do programa de cinema itinerante dos Premios Mestre Mateo será Factum, o domingo 20 de outubro. Trátase dunha película dirixida por Juan Galiñanes e protagonizada por Luis Tosar e Álex García.
O domingo 27 proxectarase Matria de Álvaro Gago que gañou en cinco categorías, entre elas tres premios a mellores intérpretes e mellor dirección de fotografía e dirección de produción.



