O BNG promove o acordo da Cámara para apoiar á frota do cerco e á artesanal

15 Outubro 2024

 O BNG conseguiu o apoio unánime dos grupos parlamentarios a unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado e da Xunta a posta en marcha dun paquete de medidas que axude ao sector do cerco e artesanal a afrontar a “dramática situación” na que se atopa como consecuencia das “raquíticas” cotas e dun sistema de reparto “perverso” en especies como a sardiña, o xurelo ou a xarda.  

“O BNG demanda que se acabe con isto, que se deixe de sacrificar sempre aos mesmos e que se esixa máis cota a partir de estudos avalados cientificamente”, asegurou a portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, que durante a defensa da proposición non de lei criticou a “nefasta xestión” tanto por parte do Ministerio como da Consellería do Mar, que teñen o sector “abandonado” dende hai anos e “permiten e promoven a paulatina desaparición da frota galega.

Tras os brutais recortes do xurelo do Cantábrico e Noroeste (do 95% no 2023) e o descenso nas capturas da xarda, e coa campaña do bocarte xa pechada, a dependencia que a frota galega ten da sardiña é moito maior tanto no caso do cerco como das artes menores. De aí que a deputada nacionalista emprazase ao Executivo de Rueda a despregar todas as accións precisas para evitar que continúe o amarre da frota, tendo en conta que a cota da sardiña xa se esgotou en agosto.

A deputada da comarca do Barbanza puxo o acento na discriminación que sofren os barcos galegos no reparto desta especie, pois este ano  Asturias, Cantabria, Euskadi e Galiza, que suman máis de 200 barcos cerqueiros -150 deles galegos- dispoñían dunha cota de 8.130 toneladas de sardiña, mentres que ao Golfo de Cádiz, con 76 barcos, outorgáronselle 6.340 Tn.

“Estamos a falar dun sistema absurdo e perverso que o Goberno promove e consinte e diante do que a  Xunta tampouco move un dedo para denuncialo e impedilo”, sostivo durante o debate da súa proposta, para engadir que “Galiza, que ten os barcos, a frota e os tripulantes está amarrada a porto por falta de cota que acaba comprando noutra zona do Estado -aos armadores do Golfo de Cádiz- para poder subsistir”, dando pé “á especulación dun ben público por parte de particulares”.  

Rosana Pérez referiuse tamén á “bolsa común” posta en funcionamento para a sardiña no 2023, un mecanismo que este ano volveuse demostrar ineficaz. “Véñense de conseguir 1.300 toneladas de sardiña, pero os barcos que xa superasen o 110 % da cota adquirida, comprada para non estar amarrados dende agosto, non teñen dereito a ela, o que fai que 780 tn. vaian ao Golfo de Cádiz e menos de 400 para Galiza (140), Asturias e Cantabria”, detallou.

“É absolutamente absurdo”, considerou, para pedir cambios nun mecanismo polo que “incluso se podía dar o caso de que o Golfo de Cádiz vendera toda a sardiña sobrante antes de incorporarse ao reparto gratuíto, coa gravidade de que os barcos máis pequenos que non tiveran posibilidade de compra quedarían fóra ademais da posibilidade de acceder a través da bolsa común”.

Estudos para coñecer os stocks reais, pago das axudas e prezos rendíbeis

Entre outras medidas recollidas na iniciativa, Rosana Pérez reclamou tanto á Xunta como ao Goberno do Estado que leven a cabo estudos científicos que determinen a situación real dos stocks de sardiña, xurelo, xarda e bocarte para un establecemento acorde dos TAC en cada caso, permitindo a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo.

Ademais de exixir o pago inmediato aos afectados das axudas do 2023 polo paro biolóxico do xurelo, outras das cuestións aprobadas a iniciativa do BNG e demandar ao Ministerio de Pesca que negocie un reparto equitativo da cota da sardiña con Portugal no próximo acordo bilateral, tendo en conta o número de buques e de tripulantes en cada caso. Tal e como se explica na iniciativa nacionalista, España ten asignada o 33 % da cota da sardiña, malia que ten 300 cerqueiros, mentres que o país veciño,  con 110 barcos censados en 2022, correspóndelle o 67 % restante.

Entre outras cuestións, a PNL empraza tamén do Executivo do Estado a demandar da UE, de cara á negociación de cotas para 2025 no vindeiro mes de decembro, que ademais das cuestións medioambientais, se atendan cuestións económicas e sociais á hora de fixar as cotas das distintas especies, tal e como estableceu a sentenza do 11 de xaneiro de 2024 dictada polo Tribunal de Xustiza da UE.

A iniciativa, debatida e aprobada na Comisión de Pesca, insta así mesmo á Xunta, a través da Consellería do Mar, a promover un acordo con sector sobre as medidas necesarias para por en valor a calidade dos produtos pesqueiros galegos e permitan aos seus produtores manter uns prezos rendíbeis en orixe.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...