O Bloque Nacionalista Galego conseguiu o apoio do Congreso para que o Goberno do Estado proceda ao rescate da AP-9 e axilice a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Xunta. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, encargado de defender moción, logrou que as propostas da organización nacionalista saíran adiante: realizar o estudo para anular a prórroga, iniciar os trámites do rescate, asumir a xestión directa e impulsar a transferencia da AP-9 á Galiza.

Nos puntos aprobados pola cámara baixa, impulsados polo BNG, o Congreso insta o Goberno do Estado a que inicie os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 e asuma a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes.
Así mesmo, o Congreso insta ao Goberno do Estado a que encargue ou realice, de forma inmediata, un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga e en que sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da Autoestrada do Atlántico.
Por outra parte, entre os puntos resolutivos aprobados, a cámara baixa manifesta o seu compromiso para impulsar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9), promovida por unanimidade polo Parlamento galego á Comunidade Autónoma.
Bonificacións e transferencia
Durante a comparecencia do ministro de Transportes, Néstor Rego denunciou que a Autoestrada do Atlántico era a autoestrada máis cara do Estado, o que supón un lastre para o desenvolvemento social e económico, nomeadamente para as familias e empresas galegas. “Hai que rematar con esta inxustiza. Remediar o que supón un agravio e unha discriminación coa Galiza”, interpelou o deputado do BNG a Puente.
“Desde 2017, 1.029 quilómetros de autoestradas do Estado pasaron a ser libres de peaxes mais Galiza continúa a pagar por 200 quilómetros unha infraestrutura que está xa pagada”, sinalou Rego, engadindo que “o rescate suporía un beneficio para o conxunto dos galegos e galegas e tamén para as arcas do Estado”, polo que Rego entende que o Ministerio debe realizar un estudo para o seu rescate. “A sentenza europea obrigará ao Estado a facelo, poden tomar a iniciativa”, convidou Rego o Goberno.
Sobre as “bonificacións sen precedentes” das portaxes da AP-9, o nacionalista lembrou que foi “grazas ás negociacións do BNG despois dos dous acordos de investidura conseguidos pola formación nacionalista”. E engadiu: “Agradecemos que o Ministerio declarase, como xa adiantamos o venres pasado desde o BNG, o trámite para as novas bonificacións pola vía de urxencia porque suporán o cumprimento do acordo conseguido polo BNG; de todas formas, a única solución definitiva posíbel será o rescate”.
Rego concluíu deste xeito: “Alegrámonos de que o Partido Popular rectifique após anos de políticas en contra dos intereses dos galegos e galegas a respecto da AP-9: prorrogando a concesión da infraestrutura, bloqueando a tramitación para a transferencia. Veremos se a súa mudanza de postura é sincera ou puramente demagóxica porque agora están na oposición”.



