
Hai que ser realista e non queda outra, ben a intervención e a regulación para poder garantir o dereito real a unha vivenda digna. As axudas do ICO ou o bono ao alugueiro non solucionan o problema da vivenda en España. Hai que intervir, como se fixo, no seu momento, coas entidades financeiras, e agora corresponderíalle a quenda aos rendistas particulares e grupos inmobiliarios. Tamén hai que regular as vivendas turísticas e non residenciais así como o poñer o límite á especulación inmobiliaria.
Como todo hai que dicilo, hai moitas décadas atrás, calquera persoa ou familia promovía a construción dunha vivenda ou comprábaa no mercado libre, para vivir. Era extraordinario poder atopar unha vivenda baleira, a non ser as que estaban en estado ruinoso, as demais atopábanse habitadas. Sobraban vivendas e todos tiñan unha, fose en propiedade ou en alugueiro, a prezos razoables e acordes aos salarios da maioría dos traballadores.
Na actualidade, as cousas mudaron moito, e aos que din ou pensan de que non hai que adoptar medidas para garantir o dereito á vivenda é que as herdaron; mercaron en poxa pública, a prezos de custo (as desaloxadas xudicialmente); tiveron unha vivenda pública, en propiedade, e logo vendérona para comprarse outra mellor ou máis grande; aproveitáronse da venda de vivendas públicas a fondos voitre; eran bos clientes dalgunhas entidades financeiras que lles mantiñan informados sobre as gangas nas poxas públicas de inmobles ou ben era e son uns especuladores sen escrúpulos. A toda esta xente hai que indicarlles que dean menos consellos e sexan menos patriotas de pulseira e bandeira.



