Na tarde do martes, 29 de outubro, celebrouse en Ribeira o acto inaugural da exposición de Maribel Longueira (A Coruña, 1951), Xente no medio. A exposición, unha actividade enmarcada dentro da VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, poderá visitarse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira entre os días 29 de outubro e 29 de novembro. No acto inaugural interviron Maribel Longueira, Luís Pérez Barral (alcalde de Ribeira), Antía Alberte (concelleira de cultura) e Marcos Gallego (director da Mostra).

Nos discursos inaugurais, os representantes do Concello de Ribeira remarcaron “a sorte de contar cunha exposición fotográfica que fai un chamamento á reflexión sobre a preservación dos nosos mares e medio ambiente mariño”.
Trátase dunha exposición que, ao longo dos últimos 20 anos, viaxou por lugares coma Miami, Brasil ou Islancia. En palabras de Maribel Longueira, “inclúe unha serie de 20 fotografías nas que os desperdicios expulsados pola mar, coñecidos como crebas, xunto con outros desastres naturais, se superpoñen sobre retratos de adultos e nenos de diferentes culturas. A combinación destas imaxes actúa coma unha metáfora visual que busca incitar á reflexión sobre a nosa relación co medio ambiente”. Para finalizar o acto, os relatores convidaron a todo o mundo a asistir á Mostra Mares da Fin do Mundo.
Maribel Longueira, a autora da obra, é licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, con formación na xestión de patrimonio e bens culturais e especializada en patrimonio e fotografía, eidos nos que posúe cursos de doutoramento. Dende 1972, colabora en actividades de interese plástico, cine, teatro, cerámica e pintura, centrándose na fotografía dende o ano 1993, e dende 2015 en tinturas naturais. Na súa ampla traxectoria profesional, a súa obra foi exposta en multitude de países entre os que se atopan Brasil, Arxentina, México ou Estados Unidos. Así mesmo, é autora de varias publicacións fotográficas destacando Papagaio, obra en colaboración coa escritora Luísa Villalta, homenaxeada na pasada edición das Letras Galegas.

O festival
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).





