Boiro reivindicará os seus nomes de lugar nunha charla do proxecto Toponimízate

31 Outubro 2024

O concello de Boiro acollerá o vindeiro venres 8 de novembro (ás 20.00 horas no Centro Social) unha das accións divulgativas do proxecto Toponimízate da Secretaría Xeral da Lingua en colaboración coa Real Academia Galega (RAG). Vai consistir nunha charla divulgativa sobre o valor cultural da toponimia galega. Ademais, botarase luz sobre como empregar a aplicación Galicia Nomeada para a recollida e xeolocalización de nomes de montes, leiras e outros microtopónimos dende o teléfono móbil.

Esta campaña informativa ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía do risco que ten que se perda esta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial coa finalidade de salvagardalo.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica, é a persoa encargada de impartir estes relatorios, nos que o público aprende tamén a orixe e o significado dos nomes dos seus concellos e parroquias, unha información elaborada coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Na charla botarase luz sobre os usos e posibilidades da aplicación Galicia Nomeada, na que os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos dos que teñan constancia.
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra está a percorrer neste 2024 as catro provincias galegas na procura de persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que están a participar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles. Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, na que os informantes de máis idade son o elo fundamental, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...