Asociación do cemiterio de Imo proxecta obras no terreo cedido
Desde a súa creación en 2020 a nova ASOCIACIÓN DE PROPIETARIOS E PROPIETARIAS DO
CEMITERIO DE SAN XOÁN DE LAÍÑO estivo traballando para conseguir a titularidade do solo no que
están edificados os panteóns ao lado da igrexa parroquial de Imo.
Como a parroquia non ten personalidade xurídica houbo que crear unha asociación a proposta do goberno
tripartito PSOE -UV- BNG nunha das primeiras xuntanzas veciñais en Imo de 2019. A veciñanza que
encheu o local social do Montiño non desexaba que a parcela na que están os panteóns a xestionara o
concello. A parroquia agradeceu a información do tripartito e alí arrincou a Asociación para recibir do
concello unha das 27 fincas de AGADER, non aptas para o Banco de Terras da Xunta.
O presidente, Alfonso Troncoso, canda os outros sete membros actuais da mesma directiva fundadora
recibiron a parcela do concello en maio de 2023. Logo da recepción comezaron os trámites para o seu
rexistro da propiedade. Mentres, a directiva, na que hai representación das seis aldeas da parroquia, e con
só unha cota anual de 20 euros por panteón encárgase da limpeza das zonas comúns, identificación de
panteóns e pequenas obras de reparación. A obra máis necesaria é a cuberta xa que desde a construción en
1986 ata agora non se lle tocou e están, a maioría, en mal estado. Para iso a última asemblea acordou por
unanimidade facer a obra cunha cota extraordinaria das propietarias. A directiva, agora que xa ten
rexistrada a propiedade, está estudando orzamentos, financiamento e os permisos necesarios para comezar
a obrar no solo da súa propiedade.
Outra das tarefas pendentes desde a Asociación é que a igrexa lle ceda, como fixo o concello, a outra parte
do cemiterio que ten a mesma referencia catastral. A igrexa católica rexistrou a finca contigua á que ten
agora a Asociación en 1992. Foi cando entregaron os títulos da concentración parcelaria para beneficio
parroquial e con destino a “cemiterio parroquial” segundo consta no Rexistro da Propiedade de Padrón e
na que hai panteóns polos que pagaron á curia cando se edificaron 1400 pesetas por cada un.