Unha delegación do BNG integrada por deputadas e deputados no Parlamento galego, concelleiras e concelleiros e militantes das comarcas do Barbanza e Muros Noia participará este sábado nunha visita ao monte de Baroña para coñecer da man do presidente da Comunidade de Montes da parroquia, Ovidio Queiruga, experiencias de aproveitamento multifuncional do monte, “que son referencia en Galiza”, adiantou a delegación, engadindo que esta actividade enmárcase dentro programa de visitas que o grupo de traballo sobre a cadea de valor monte-madeira do grupo parlamentar do BNG está a realizar a diferentes puntos de Galiza para coñecer empresas, centros de investigación, asociacións sectoriais, exemplos de boas prácticas e iniciativas en xeral de posta en valor do monte.
A visita comezará ás once da mañá cunha charla informativa no local da comunidade de montes de Baroña, dende onde a delegación do BNG se desprazará até os lugares onde se desenvolven as experiencias de aproveitamento multifuncional que está a levar a cabo a comunidade de montes e que a converteron nunha referencia en Galiza.
Entre estas inclúese a produción de resina, a produción de cogomelos e de mel, o aproveitamento madeireiro, a explotación de gando en extensivo (cabalos, ovellas e cabras), a recuperación e divulgación do patrimonio cultural, a protección da biodiversdidade, ou os usos socioculturais, recreativos e pedagóxicos.
Na relación de asistentes figuran as deputadas e deputados Montse Valcárcel (portavoz de Montes e Política forestal), Luís Bará (Medio Ambiente), Alexandra Fernández (Vivenda), Brais Ruanova (Industria) e Secundino Fernández (Medio Rural). Asistirá así mesmo Balbino González, portavoz en Porto do Son; Antía Alberte, concelleira de Ribeira; Alfonso Carballo, concelleiro en Porto do Son; Ricardo Suárez, portavoz en Noia; e Sabela Betanzos, concelleira en Rianxo.