Foi para min unha enorme sorte coñecer e convivir coas miñas avoas aínda que non fose máis ca cada temporada vacacional durante unhas semanas na casa de cada unha. Aprendín delas o que hoxe en día moitos pícaros non teñen a oportunidade de asumir por descoñecemento nesa convivencia: coller auga na fonte cun cazo para encher a sella; beber a auga da sella polo mesmo cazo compartido; facer o lume na lareira; arrincar coa picaraña os cádavos dos toxos; segar a herba no regadío coa gadaña ou o lampo; enfornar o pan e as empanadas; muxir as vacas e beber o leite recén muxido que deixaba bigotes marcados arredor dos beizos; “levar” as vacas na leira que se araba xunguidas ao arado de pau ou ao carro que “cantaba” polos camiños, “coller” o molime co que estrar a corte das vacas e a dos porcos para facer esterco… e respectar a autoridade dos avós/avoas sobre todas as cousas…
Tantas destas perdeu a rapazada do meu tempo por esa falta de contacto entre a distintas tres xeracións (avós, pais e fillos) que nen sequera me atrevo a cavilar no que a cuarta xeración (os bisnetos) de cada familia galega teñen perdido polo desapego cos maiores por mor da despreocupación dos pais por fomentar o respecto e o agarimo aos avós, aquela figura idolatrada que gardaba na arca a primeira navalla de barbear que tivera teu pai, os cadernos, a pizarra, os primeiros debuxos da túa nai; cousas que non aparecen agora nas pantallas dos teléfonos mobeis e que os cativos non son quen de atopar porque tampouco senten a necesidade de aprender.
Cousas que nin se valoran porque non hai tempo. Demasiadas horas pendentes os nenos das pantallas que os pais poñen nas súas mans case que ao mesmo tempo que lles introducen na boca o chupete (para que non choren).
E probablemente os propios pais (segunda ou terceira xeración) tampouco valoren a importancia que para a cativería ten a que cualifico de idiolatrada figura do avó ou bisavó.
É así como o primeiro membro da xeración (o bisavó ou o avó) perde o contacto co terceiro (o fillo) ao que pode non ver en meses e mesmo anos e os netos ou bisnetos non coñecer nin outorgar valor nen recoñecementos como proxenitores dos seus pais.
É un xeito de contribuir ao medre das residencias privadas da terceira idade que abrochan en Galicia, e de que nas públicas (para as que hai que gardar turno de entrada) se administren pastillas para durmir a unha poboación que sempre durmiu sen problemas após ter botado unha soneca dempois de xantar. Trátase de manter a vida nun soño cando antes todos soñabamos con chegar a ver criados os fillos e que estes viran aos seus estando nós (a primeira ou a segunda xeración) con vida ainda útil.
Sí, as nosas avoas utilizaron mandil para non enlixar a roupa, zocas para sair aos camiños e ter os pés quentes, panos á cabeza porque abondaba peitearse e por non existiren perruquerías, soñando que un día compartirían cos seus fillos e netos (con sorte bisnetos) unha vida en común, moi lonxe da vida solitaria á que se ven sometidos porque os descendentes non aprenderon a estes a falar, querer e respectar ao primeiro ou o segundo membro da xeración coa que comparten -sen saber exactamente por que- o primeiro e o segundo dos seus apelidos.
Galicia ten moitas vivendas dun só habutante ao que ninguén visita.
A vida?.



