Unha da mediodía, despedindo setembro. Un disco EP no xiradiscos da emisora Radio Riveira, coa sintonía de apertura de emisións en 45 revolucións, e José Lino Rivas aos mandos. No locutorio, Manolo “Cuní” e María de los Ángeles Cores, “Nena”. Comezo de emisións. Escoitamos o pasodobre “Lugo-Ferrol”. No éter, o sinal dunha radio feita “artesanalmente” no primeiro andar dunha vella casa pertencente ao patrimonio da igrexa de Santa Uxía. Saúda Manolo e completa o dito “Nena”. Soa ben, agradable, xa están na sintonía bo número de riveirenses. No control do “invento”, Manuel Vázquez Formoso, xove cura que se responsabiliza diante do párroco, don Juan, da marcha da radio. Na compaña de Vázquez Formoso están María Dolores Folgar, “Mariló”, e Álvaro Cores, “O Chino”, que agardan o seu turno de intervención. Álvaro quere presentar unha das últimas adquisicións discográficas: o “Mambo número 8”, de Pérez Prado e a súa orquestra. Mariló ten preparada a estrea de “Si yo tuviera la escoba”, éxito indiscutible de Los Sirex. No cuarto que facía de redacción, recepción e administración, outros integrantes do plantel de Radio Riveira, emisora parroquial, ultimaban os datos do tempo e outros que facían referencia ao acontecer dunha vila/cidade de comercios vivos, de lonxa de peixes en descanso e mercados municipais de peixe e de verduras ateigados de clientes, moitas voces, un constante ir e vir de xente pola rúa principal (que era de paseo no entre o lusco e o fusco). Nos bares, tabernas e semellantes, conversas e trasegos de ribeiro servido en taza dende unha xerra, fume de pitillos e un falar de fútbol, co Atlético de Bilbao e o sempiterno Iríbar de gardamallas. Suso “O Chopo” abría a súa taberna situada entre o cimeterio vello e a capela-garaxe do Paso. Comezaban as obras do “Monumento”. Manuel Rilo puña en hora os reloxios do seu taller e no forno de Sinda espertaban recendos de empanada. O banco da Coruña, petado de clientes e Pepe Cambeiro, na súa bicicleta, indo dun a outro comercio cobrando letras de cambio. Na carteleira do Cine Riveira, unha de vaqueiros: “O.K. Corral”.
O latexo dun día calquera, as portas abertas da igrexa parroquial, fronte às pechadas do pazo do marqués. No Nordeste xa se servía algún vermú. Manolo “O Sucuruco” contaba historias de mar e vento ao ritmo da tesoira con fondo de Radio Riveira. Josué curtaba e cosía patróns de traxes e na de Domincos vendíanse patacas. Na esquina, o pan de Llovo. “Escoiten a continuación a Raphael cantando a petición do noso abonado Fulanito, “Eu son aquel”, que adica a quen ela sabe”. E aló ía a canción. Nos Talleres “El Nervión”, onde se fabricaban os motores HMR, balbordo contínuo, constante ir e vir de homes enfundados nos buzos de cor azul. No Castelo, A Piseria vendía/trocaba novelas de Marcial Lafuente Estefanía e “tebeos” de Roberto Alcázar e Pedrín. No concello, idas e voltas. No Hotel Moderno, representantes de marcas ben coñecidas de roupas e electrodomésticos. Ao lonxe, o “vapor” procedente de Vilagarcìa e Illa de Arousa anunciaba a súa próxima arribada ao porto de Ribeira. Ao mesmo tempo, un autobús da Empresa Celta manobraba para estacionar diante do garaxe. Na rúa, os vendedores da prensa diaria pregoaban os seus produtos. Franco inauguraba esta tarde un novo pantano. A vida seguía igual ca onte. Eugenio marcaba as horas. O reloxio da casa consistorial, tamén. Ribeira plena. Un outro día.



