O pasado 6 de setembro daba comezo unha nova actividade de traballo do proxecto New Ruralties (NERU) impulsado pola Universidades da Coruña e Vigo, entre outras institucións educativas europeas. Desenvolveuse até este sábado 14 en Porto do Son co apoio do Concello e máis da Fundación RIA. Consistiu basicamente nunha serie de obradoiros intensivos (workshops) enmarcados no proxecto Erasmus+ NERU–New Ruralities que forman seis universidades europeas e as súas respectivas facultades de arquitectura (ULB, UDC, UMInho, POLITO, ETH e UACG) e outras entidades expertas (por exemplo a devandita Fundación RIA, orientada a poñer en valor os usos tradicionais económicos, urbanísticos, arquitectónicos, culturais e sociais do Barbanza).
Estas actividades recalaron este mes na nosa comarca tras unha primeira experiencia de éxito levada a cabo Bulgaria o pasado ano. Ao longo destes días, un grupo de 40 estudantes internacionais e 20 mestras/es debateu sobre as condicións e futuro do rural europeo baixo o formato de taller intensivo de co-creación.
A Fundación RIA que preside o arquitecto inglés David Chipperfield (afincado en Corrubedo, Ribeira) deu apoio ao alumnado participante á hora de conectar cos axentes locais e explorar diferentes metodoloxías. Ao longo dos talleres tirouse proveito das conferencias e visitas programadas para convidar a cada participante a desenvolver as súas propostas ao redor de catro temas de relevancia no Barbanza: alimentación, forestal, solo e auga.
Nas actividades, reuníndose cos participantes e cos impulsores das mesmas, participou tamén o alcalde sonense Luis Oujo.