
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, interesouse polo proxecto do Concello da Pobra do Caramiñal para poñer en valor e sacar todo o seu potencial á Torre de Xunqueiras, que o Goberno local quere achegar á cidadanía e poñela á súa disposición. Así llo trasladaron o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e a segunda tenente de alcalde, Patricia Lojo, a Pedro Blanco, que estivo acompañado pola subdelegada na Coruña, María Rivas, nun encontro na Delegación do Goberno.
Pedro Blanco comprometeuse a trasladar ao Ministerio de Cultura os plans do Concello, que pasan polo financiamento da compra da construción e a posterior posta a disposición do Concello, en vistas a unha futura xestión cultural do edificio. “Trátase dunha iniciativa capaz de conectar aos barbanceses e barbancesas cunha das súas máis importantes construcións, testemuña de toda a súa historia e xoia da arquitectura galega”, apuntou o delegado, que salientou o traballo que está a levar a cabo o Goberno na defensa do patrimonio galego, ao que leva destinados máis de 150 millóns de euros. O Goberno céntrase coa súa acción na recuperación e correcta conservación do patrimonio, con especial interese nos Paradores históricos e nos Bens de Interese Cultural (BIC) en xeral.
Proxecto da Torre de Xunqueiras
A Torre de Xunqueiras é un dos edificios máis senlleiros na historia da comarca do Barbanza. Alberga unha das coleccións de arte máis importantes da zona, un xardín presidido pola súa torre do século XV e salóns onde tiveron lugar reunións e conversas dos máis importantes personaxes de tódalas épocas, desde as do medievo galego e as súas familias nobres ata as do primeiros anos do século XX, protagonizadas por Ramón María del Valle-Inclán ou Victoriano García Martí.
O Concello da Pobra espera poder combinar na Torre de Xunqueiras un centro de interpretación do territorio, unha residencia creativa, unha horta de recuperación de variedades comarcais e un laboratorio cultural centrado nos valores de diálogo entre artes e ciencias. Todo isto co Renacemento como fío condutor, unha época de esplendor e progreso que o Concello da Pobra, da man do Goberno, quere poñer á disposición da súa cidadanía.




