O noso compañeiro Fran Domínguez non deixa de poñer o foco da súa cámara nas vistas máis sorprendentes do Barbanza, e esta tempada estival de 2024 non foi unha excepción. Cámara en man e equipado (tamén) con dron e móbil, achegouse ao porto de Ribeira e foi quen de detectar o potencial que ofrecían os peiraos flotantes do porto dende o aire, a vista de paxaro e, tal cal, coma se os barcos e os pantaláns estivesen a ser contemplados por ollo de gaivota.
O resultado (máis sorprendente aínda do agardado) foi este da fotografía que compartimos. Agradécese, e é xusto agradecelo, a contribución dos mariñeiros, tanto pola disposición das embarcacións como polo impacto estético das cores. Ao mar tamén lle agradecemos ese verde que só el é quen de conseguir.




