A Lista Vermella do Patrimonio que mantén actualizada online a asociación Hispania Nostra denunciando o estado de abandono dos tesouros da xeografía española, vén de engadir un novo inmóbel do Barbanza aos seus rexistros, que sumar á Casa da Cadea (A Pobra) e a Telleira de Quintáns (Rianxo). Trátase do Pazo da Mercé, na Pobra.
Sinalar que recentemente un dos grandes tesouros do patrimonio da comarca, o Pazo de Goiáns, foi quen de saír da listaxe vermella e asentarse na verde grazas aos esforzos do Concello e outras administracións.
Historia do Pazo de Mercé (ficha de Hispania Nostra)
En orixe, século XVI, o Pazo de Mercé foi unha capela á que acudían moitos devotos e que acabou por converterse nun priorado beneditino dependente de Santiago. Tivo o seu máximo esplendor ao longo dos séculos XVII e XVIII. Segundo testemuña frei Martín Sarmiento, foi tamén usado como albergue. A época de priorado finalizou coa desamortización, que deu lugar á venda do edificio e os terreos en poxa pública.
O escudo barroco da fachada (do século XVIII) representa nos seus brasóns ao león do reino de León, o castelo do reino de Castela, un piñeiro flanqueado por veneras xacobeas da abadía de San Martiño Pinario e un león asido a un báculo de abade da Real Congregación de Santo Benito de Valladolid.
Tense constancia de que o escritor Ramón María del Valle-Inclán residiu no pazo de 1917 a 1921 alternando coa súa residencia en Madrid, anos nos que escribiu obras tales como Luces de bohemia, Los cuernos de don Friolera e Divinas Palabras. Naceron ademais alí, dous dos seus fillos, Carlos Luis Baltasar e María de la Encarnación Baltasara.
Descrición (Hispania Nostra)
Este pazo atópase nos arredores da Pobra do Caramiñal, en dirección Boiro seguindo a estrada comarcal AC-305. O edificio actual é resultado de reformas acaecidas durante os séculos XVIII e XIX. Trátase dun edificio de planta rectangular, con base de cantería de granito revogado e encalado, que presenta unha fachada con catro vans adintelados na planta superior que forman portas balconeiras, dúas delas con reixas de ferro e un escudo labrado en pedra entre os vans. Tiña ademais da zona de residencia, unha capela propia xa desde os seus inicios, unha fonte e un pombal. A capela está decorada con motivos relixiosos entre os que se pode recoñecer unha imaxe da Virxe co neno en brazos. Foi utilizada ata hai dez anos aproximadamente, ao contrario que o resto do pazo, abandonado xa á súa sorte desde que o asolou un incendio en 1983.
Estado de conservación
O pombal, un dos poucos de planta cadrada de Galicia, esborrallouse en 2021. En 1983 un incendio destruíu parte do pazo, perdéndose un retablo barroco de 1697 e unha imaxe medieval da Virxe aleitando ao Neno. Da fachada foi roubada a imaxe pétrea dun Trono de Gracia.