O festival Rock in Rian, que se celebra en Rianxo entre o venres 6 e o domingo 8, vén de publicar os horarios dos 21 concertos que acollerá.
Aínda que os concertos comezarán pola tarde, o inicio do Rock in Rian será o venres ás 12.30h, no Auditorio Municipal da vila, cun acto aberto ao público no que se presentarán as cancións e os traballos feitos nos últimos meses polos escolares de Rianxo xunto a Pauliña, Dios Ke Te Crew, Xurxo Souto e Sés. Nese mesmo acto, ao que están convidados nenos, nenas e profesorado, artistas involucrados, autoridades e demais veciños e festivaleiros tamén se presentará o videoclip de cada canción e o after movie do evento.
A apertura de portas do recinto do festival terá lugar ás 18.30h do venres 6 de setembro. O primeiro dos concertos será o de Sés (19.45h), coa súa proposta de mestizaxe sonora e compromiso. A banda valenciana de reggae Auxili comenzará ás 21.35h. Kaotiko, toda unha lenda no punk rock peninsular, subirán ao escenario do Rock in Rian ás 23.35h e Alamedadosoulna, referencia fundamental na escena das músicas negras feitas en España., farán o propio ás 01.35. Do remate de festa (a partir das 03.05h) así como de animar os tempos entre os cambios de grupos encargarase A Duendeneta.
A xornada do sábado arrinca ás 12.30h cun concertos dos desenfreados e vitalistas Os Vacalouras, aos que seguirán outros dos non menos desenfreados Monoulious Dop (14.00h) e Ceibarimas (16.00h). A partir das 18.00h, a banda de rúa Louband encargarase de animar as rúas do centro de Rianxo.
A apertura de portas do recinto do festival será ás 18.30 h. Ás 19.45h dará comezo o concerto da sempre enérxica, festiva e comprometida de Pauliña, ao que seguirá a revisión da nosa música tradicional en clave de electrónica e danza que propón Mondra (21.05h) e un dos pouquísimos concertos que van a ofrecer neste 2024 Lamatumbá (22.45h). A seguinte actuación será a de Dios Ke Te Crew (00.15h), banda seminal do rap e do hip hop galego; a quen sucederán unha das mellores bandas de ska da península, os navarros Skabidean (02.00h). O remate de festa correrá de novo a cargo da Duendeneta a partir das 03.30h. De animar os cambios entre grupos do sábado encargarase a brass band feminina máis admirada de Galicia, Brassica Rapa.
Os concertos do domingo terán como protagonistas a Archivo Adxunto (13.00), Pecha a Cansela (14.00), Broken Rope (16.30), Kondusión Kolérika (17.30), Amoebo (18.30) e Zona Zero (19.30) para rematar coa cerimonia do acendido do Facho Guadalupeiro.
Entradas
Os abonos para os dous días do Rock in Rian están á venda en festivalrockinrian.gal e en woutick.es a un prezo de 30 euros (+gastos de xestión). O prezo das entradas para un día é de 18 euros (+gastos de xestión).
O Rock in Rian conta cunha zona de acampada gratuíta para os asistentes ao festival.