O Concello de Muros presentou a programación cultural do Auditorio do Centro Cultural Xuvenil do segundo semestre de 2024, cunha completa oferta de espectáculos que comeza o sábado 5 de outubro e que se desenvolverán case todos os fins de semana ata finais de ano.
“Tras os excelentes resultados do primeiro semestre, que rexistrou un aumento do 41,54% na asistencia total respecto ao ano anterior, a nova axenda aposta por manter o éxito acadado, combinando teatro, musicais, maxia e monólogos dirixidos tanto para público infantil como adulto”, explicou a concelleira de Cultura, Caridad González.
Pola súa banda, a alcaldesa María Lago sinalou que “dende o Concello de Muros animamos á veciñanza a participar desta variada oferta cultural, que segue a consolidar o auditorio como un espazo de referencia para a cultura local e galega”.
Lembraron que no primeiro semestre de 2024 rexistrouse un aumento significativo na ocupación media do auditorio, acadando un 73% medio de ocupación, o “que demostra a gran acollida tanto do público infantil como adulto”.
Este crecemento reflicte o compromiso do auditorio por ofrecer unha programación variada e de calidade, apoiada polo convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Entre as obras máis destacadas deste semestre inclúense O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de Esther F. Carrodeguas; Perdón que che chapuse, de Quenchedera Teatro; Rock ‘N’ Magic, de Mago Teto; Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval; O auto do Castromil, de Mofa e Befa, ou Pum Pum, quen hai? de Artika Cía.