O 20 de setembro comeza a Mostra de Teatro de Ribeira, que este ano vén con 13 funcións de primeira liña

04 Setembro 2024

A concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte e o dinamizador cultural do Concello, Unai González, presentaron este mércores 4 de setembro o programa da Mostra de Teatro de Ribeira, que nesta nova edición contará cun total de 13 actuacións, das que 12 serán con bono ou entrada e unha, a do Grupo Municipal de Teatro que abre a mostra co seu espectáculo Criaturas, será con entrada de balde o venres 20 de setembro. Será, explicaron, “a Mostra de Teatro máis longa da historia deste certame, cunha duración de trece semanas que van do 20 de setembro ao 20 de decembro, con funcións todos os venres ás 21.15 h, excepto o xoves 5 de decembro por celebrarase ao día seguinte un festivo”.

A concelleira afirmou que “o principal obxectivo que pretendemos acadar con esta programación é o de achegar aos nosos veciños e veciñas unha completa escolma de espectáculos que poñen en valor as creacións artísticas das compañías e grupos galegos e que ao mesmo tempo sexa un escaparate das propostas máis recentes de cada unha delas, facendo accesíbeis as artes escénicas á poboación sen necesidade de trasladárense ás grandes capitais”. Salientou que esta esta edición abrirase a propostas de ámbito internacional como será o 13 de decembro co espectáculo Yo Mussolini do clown italiano Leo Bassi.

Engadiu que “un equipamento como o novo Auditorio Municipal ten que servir tamén para artellar outro tipo de propostas escénicas de interese para a veciñanza pero tamén para o resto do sector cultural de forma que as compañías, artistas, produtoras e distribuidoras se interesen por Ribeira á hora de poñer en marcha as súas propostas e espectáculos e ese é o camiño que estamos a facer”.

As funcións están todas recomendadas para maiores de 16 anos. “Os espectáculos seleccionados son dos mellores que existen neste momento na nosa comunidade, con obras de compañías profesionais de recoñecido prestixio como Redrum, Talía, Tarabela, Contraprodución, Culturactiva ou Sarabela e outras que veñen por primeira vez a Ribeira como Serea, Verdeveras ou Fulano, Mengano e Citano; tamén a calidade dos actores e actrices é dunha traxectoria destacada dos que non quero citar ningún porque todas e todos son importantes”, sinalou a concelleira, engadindo que “tivemos tamén en conta nesta selección o xénero teatral para facer unha escolma do que se está a producir no país, dende obras máis reivindicativas, de temática social até propostas de misterio, drama e variedade de comedias que van dende o absurdo, ao enredo pasando polo romántico e o vangardista”.

Criaturas abre a mostra

Así pois a mostra comezará o día 20 de setembro co espectáculo Criaturas do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira baixo a dirección de Oscar Romero e que foi estreada o pasado decembro en Santa Uxía, pero que incorpora algún novo sketch. Esta función será de balde e poderemos recoller a entrada dende unha hora antes no propio auditorio e ata un máximo de dúas por persoa, xa que 200 serán entregadas aos integrantes do Grupo Municipal quedando dispoñible 278 (que é o aforo do auditorio vello) para o resto do público que queira asistir. A edil indicou que seguindo a liña das anteriores edicións poderase adquirir un bono por importe de 35 € e que dará dereito a asistir ás doce funcións da mostra a excepción da obra do Grupo Municipal de Teatro, tamén se poderán adquirir entradas individuais para cada espectáculo por un custo de 4,95 € pero a novidade é que ademais de adquirirse de xeito presencial na OAC da Casa do Concello (antigo auditorio) de 09:30 a 14:00 h, tamén será posíbel mercalas en calquera momento e comodamente por Internet a través de Ataquilla de Abanca.

A mostra inclúe o seguinte calendario: Criaturas, do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, o 20 de setembro; Vas Rir. Cabaret Climático, de Culturactiva, o 27 de setembro; O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, o 4 de outubro; Top manta, da Compañía, Fulano, Mengano e Citano, o 11 de outubro; Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, o 18 de outubro; Entrega en man, de Contraproducións, o 25 de outubro; As formas do amor, de Verdeveras Expresións Artísticas, o 8 de novembro; Máis Saaabor, de Culturactiva, o 15 de novembro; Boa sorte, mala fama, de Tarabela Creativa, o 22 de novembro; Á luz do día, de Serea Teatro, o 29 de novembro; Hamelín, de Redrum Teatro, o 5 de decembro; Leo Bassi: Yo Mussolini, de Culturactiva, o 13 de decembro; e D.E.P., de Malasombra Producións, o 20 de decembro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...