
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixo entrega en Cabanas dos diplomas das categorías de ouro e de prata que anualmente outorga a Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de Praias sen Fume.
Este ano, un total de 45 concellos acadaron a categoría de ouro ao ter declarados todos os seus areais libres de fume e deles 22 conseguiron por primeira vez este recoñecemento. Ademais, outros 8 municipios conseguiron facerse coa distinción de prata, ao contar con máis do 50% das súas praias sen fume.
En concreto, foron recoñecidos co diploma de ouro os concellos de: Cedeira, Cabanas, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños, Muros, Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga, Castrelo de Miño, Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.
Pola súa banda, acadaron a categoría de prata os areais dos concellos de Camariñas, Fene, Ortigueira, Viveiro, Cambados, Mondariz, Poio e Soutomaior.
Durante o acto, o titular da carteira sanitaria da Xunta, destacou o compromiso do Concello de Cabanas, participante neste programa desde 2017, que acadou a máxima categoría o ano pasado e volve repetir este ano. Este recoñecemento reflicte o esforzo continuado do municipio na protección da saúde pública e do medio ambiente.
Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e polos rexedores dos municipios recoñecidos, Gómez Caamaño explicou que a Rede Galega de Praias sen Fume é “unha iniciativa pioneira creada pola Xunta no ano 2016 que actualmente conta cun total de 242 praias adheridas de 82 concellos”.
A expansión desta rede, “que permite limitar o consumo de tabaco en espazos naturais”, dixo, “converteuse nunha ferramenta eficaz para protexer a saúde da poboación galega e preservar os espazos naturais”.
A iniciativa de Praias sen Fume ten, ademais, un impacto positivo sobre o medio ambiente. A eliminación do consumo de tabaco nas praias contribúe a manter limpos os espazos naturais, evitando que as cabichas –un dos residuos máis contaminantes e difíciles de degradar– acaben nos areais e nos ecosistemas mariños.
Rede galega de Portos e Parques sen fume
Xunto coas praias, Galicia conta xa coa Rede de Portos sen Fume (creada en 2018) e a Rede de Parques sen Fume (lanzada en 2022), que xa inclúe 43 parques de 43 concellos. Estas redes, que seguen a medrar, permiten levar a prohibición de fumar a outros espazos ao aire libre, cunha excelente aceptación por parte da cidadanía. Neste sentido e segundo as enquisas anuais, o 77% dos galegos valoran a iniciativa como “moi boa” ou “boa”, mentres que un 79% quere que a rede se amplíe a outros espazos públicos.



