Preto dun cento de mariscadoras da provincia de Pontevedra participaron na fin de semana nunha xornada de convivencia e traballo cuxo obxectivo (“Construindo Xuntas”) foi o debate e análise da situación do sector dende diferentes perspectivas.
Foi unha xornada de oportunidade para que as profesionais afortalaran os seus vínculos, intercambiaran coñecementos e exploraran novas oportunidades. Nas mesas de traballo abordaron aspectos como o emprendemento feminino, a comercialización de produtos pesqueiros, as necesidades e retos aos que se enfrontan os directivos das agrupacións a pé e confrarías, así como as oportunidades que ofrece o turismo mariñeiro e a realización de accións de recolleita de lixo, entre outros.
O evento levóuse a cabo na illa de San Simón, en plena ría de Vigo, e foi realizado coa idea ou aposta da Xunta de acadar un modelo de xestión do sector pesqueiro baseado na cogobernanza, sen esquecer a creación de espazos nos que resulte posible compartir experiencias de éxito innovadoras ou abordar, da man das propias profesionais, propostas de mellora de sustentabilidade económica e ambiental da actividade marisqueira.
Mais os problemas de fondo do marisqueo seguen sen ser abordados, o que evidencia a certeza das acusacións á Xunta de que non atende á realidade dun sector que vai nunha constante regresión ou “debacle progresiva e anunciada”. Porque na Consellería do Mar están máis afeitos a botar balóns fóra que a dar co botón que se debe pulsar para que o panorama sexa distinto. Por exemplo no grao de contaminación das rías e a ameaza concreta que para a de Arousa significa a planificación da industria Altri portuguesa, que sigue avante no seu intento de por en pé en Palas de Rei unha macroplanta de celulosa e lyocell (materia clave no téxtil) que sería a máis grande de Europa e provocaría un impacto medioambiental que boa parte da cidadanía galega non está disposta a secundar e que afectaría polos seus vertidos ao río Ulla de millóns de litros auga contaminada, caso de ser construída. Un plan de Altri, compartido polo goberno galego e unha entidade bancaria (un consorcio público-privado), que se presenta no seu proxecto “transformacional” como básico para producir anualmente 400.000 toneladas de celulosa soluble e outras 200.000 de lyocell, unha fibra téxtil feita a partir de materia vexetal.
A operativa de Altri provocará a estración diaria de 46 millóns de litros de auga do río Ulla -tanto coma a que consome toda a provincia de Lugo- e a emisión de gases a través dunha mastodóntica cheminea. Tamén unha suba da temperatura da auga e o vertido ao río da carga de materia orgánica con impacto directo na desembocadura da ría de Arousa, na que faenan milleiros de mariscadores e pescadores que viven exclusivamente destes traballos (desta ría sae o 70% da produción de mexillón de toda Europa).
Non foi este, evidentemente, asunto a debate na xuntanza de mariscadoras celebrada na illa de San Simón. A Xunta apoia claramente o proxecto de Altri. Ir en senso contrario semella non figurar nos plans do Executivo galego-



