
A Deputación da Coruña impulsou este mes de setembro (entre os días 1 e 28) unha nova edición do certame de música clásica Espazos Sonoros, un festival que percorre diversos espazos da provincia e que impulsa o “diálogo entre a música e o patrimonio”. Espazos como a Igrexa de Santiago e as Torres de Mens, en Malpica; a ría de Ferrol; as Terras de Iria; o xeoparque Cabo Ortegal; o Teatro de Beneficiencia de Ortigueira, a contorna de Baroña e o bordo portuario de Porto do Son, onde están programadas catro actividades impulsadas pola Deputación e o Concello.
Unha das dates claves da axenda será o 28 de setembro, no edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que será o punto de partida da Ruta polo Castro de Baroña (Coñece o teu patrimonio). Nesta ruta circular as persoas participantes poderán descubrir algúns dos elementos patrimoniais e paisaxísticos máis salientábeis da parroquia de Baroña. A saída será ás 12.00 horas no edificio de actividades náuticas de Porto do Son. As inscricións poden facerse na conta de correo actividades@espazossonoros.org. O roteiro terá unha duración de tres horas e media (con parada para tomar un pequeno refrixerio). A distancia será de 8.5 quilómetros e poderá participar un máximo de 60 persoas.
Deputación e Concello engadiron que está aberta a convocatoria para o obradoiro de saxofonistas incluído no programa de Espazos Sonoros. Para a execución da obra de Salvatore Sciarrino, La bocca, i piedi, il suono, para catro saxos solistas e cen saxos en movemento, Espazos Sonoros abriu unha convocatoria aberta ao tecido musical galego co fin de contar con saxofonistas de calquera nivel, idade, formación e independentemente do estilo de música co que se identifiquen. A peza precisa dun bo número de saxofonistas “en movemento” (de aí o número simbólico de 100 co que xoga o título da obra) para “a partir do son xerado individualmente por cada intérprete, ir construíndo unha riquísima masa sonora”. Será as 15.00 horas do 28 de setembro no edificio de actividades náuticas de Porto do Son. As inscricións (até o 26 de setembro) poden facerse en actividades@espazossonoros.org.

O programa tamén inclúe un concerto de asLan ensembLe, integrado por Alberto Matarredona Donat, saxo alto; Helena Otero Correa, saxo alto; Irene Rodríguez Ordiales, saxo alto; e Silvia Sanagustín Samitier, saxo alto. Será ás 19.00 horas no edificio de actividades náuticas de Porto do Son. A agrupación asLan ensembLe formouse en 2014 no seo da prestixiosa clase de saxofón de Jean-Denis Michat, do Conservatorio de Lyon e fíxose rapidamente un oco no mundo da música de cámara. O grupo aposta, nos seus programas, por revisitar obras icónicas da tradición musical occidental a través dos seus arranxos e pola creación de novos repertorios para cuarteto de saxofóns. Será esta unha experiencia única para escoitar un bo número de saxofonistas e vivir os límites do son, do silencio e a profundidade.
A cuarta actividade incluída é a interpretación da devandita peza La bocca, i piedi, il suono. Composta polo italiano Salvatore Sciarrino, en 1997, é unha das pezas fundamentais do repertorio escrito para saxofón. Trátase dunha obra de carácter participativo que conta, para a súa execución, coa colaboración de saxofonistas profesionais e afeccionados/as, procedentes de estilos diversos e de todas as idades. Nela o espazo revélase coma un elemento que vai definindo os movementos e a localización das persoas intérpretes o que fai que cada representación sexa única en coherencia co lugar escollido.




