Chega a XVII da Limpeza Simultánea de Ríos (coa colaboración do Concello de Rianxo, a veciñanza do Araño e Renatur_Outes)

23 Setembro 2024
Limpeza de río levada a cabo no Te, en Rianxo

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos (Móllate polos ríos) impulsada pola organización ecoloxista ADEGA e Proxecto Ríos, celebrarase este ano en 56 concellos de toda Galiza (incluídos os de Rianxo e Lousame), e nela participarán máis de 70 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), moitas delas asiduas nestas limpezas e outras moitas que se suman por primeira vez a esta decimo sétima edición. 

As limpezas simultáneas celebraranse o vindeiro domingo, 29 de setembro, e mobilizarán unha gran cantidade de persoas voluntarias que se mollarán polos ríos destes 56 concellos co obxectivo de deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Ademais, o venres anterior, día 27 de setembro, celebraranse tamén limpezas simultáneas nas que participará alumnado dos centros de ensino.

Dende ADEGA explican que calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade.

Na web de Proxecto Ríos podemos consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. A Cañiza, A Coruña, Allariz, Ames, Baamonde, Betanzos, Catoira, Castro de Rei, Moaña, Monforte de Lemos, Ourense, O Irixo, Compostela, Vigo…

A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, a organización ecoloxista ADEGA repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de ADEGA. 

Este ano, a Limpeza Simultánea de Ríos desenvólvese coa colaboración dos Concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Cangas do Morrazo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Miño, Moaña, Narón, Nigrán, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Compostela, Soutomaior, Tomiño e Verín.

Trátase dunha actuación financiada por Augas de Galiza, Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.

No caso de Rianxo, a batida de recollida de lixo será levada a cabo (novamente) pola Asociación de Veciños de Araño, e no caso de Lousame polos integrantes do proxecto Renatur_Outes.

Outros artigos

Fin de semana pasado por chuvia localmente forte

Na xornada do sábado pola mañá teremos precipitacións febles e persistentes na franxa atlántica. Co avance da tarde as precipitacións iranse intensificando e xeneralizándose pola noite, terán intensidade localmente forte. As temperaturas mínimas sen cambios e as...

+

Arranca a Festa do Marisco do Grove

Aínda que xa estamos metidos no outono, hoxe comeza a que podería cualificarse como a última gran festa do verán: a do Marisco do Grove. Vaise estender durante dez días e adoitan acudir moitos visitantes de fóra de Galicia a esta festa declarada de Interese Turístico...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión