O Centro de Atención Integral de Amicos foi o lugar escollido para a primeira reunión de coordinación do proxecto LAB-MAR: Laboratorio participativo para la prevención y valorización de basuras marinas, promovido pola dita asociación inclusiva do Barbanza, a Fundación para la Pesca y el Marisqueo (FUNDAMAR) e a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP). Na cita, que tivo lugar este xoves 19 de setembro, participaron o director xeral de Amicos, Xoán España, a responsábel de Centros de Amicos, Pilar Sampedro, a xerente de FUNDAMAR, María Caldeiro, e o director de Proxectos e Innovación da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Fabián Ben Conde.
A través do proxecto LAB-MAR, que arrincou na segunda metade deste ano, os tres socios traballan de forma conxunta para protexer e conservar os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía, co obxectivo de “asegurar a provisión dos servizos ecosistémicos, impulsar a economía azul e reducir a contaminación mariña”.
Neste senso, a reunión de coordinación deste xoves estivo centrada en presentar os obxectivos do proxecto a través da concreción de accións de recollida, clasificación e reciclaxe de residuos mariños, a constitución dun comité técnico para a realización dun estudo e estratexia para a creación de produtos con filamentos reciclados, ou a posta en marcha dunha escola inclusiva de formación, innovación e emprego. Tamén se levarán a cabo actividades de sensibilización e concienciación dirixidas á poboación xeral.
Durante a rolda de prensa, o director xeral de Amicos destacou que “este proxecto está moi relacionado coa labor das tres entidades socias, por parte da nosa asociación coa protección do medio ambiente e o espírito das persoas con discapacidade intelectual como motor do cambio”.
O proxecto busca coidar ao tempo que sensibilizamos, perseguindo sempre a integración, a formación e a apertura de oportunidades para as persoas con discapacidade e actuando de nexo coa poboación que vive tanto arredor como do mar de forma inclusiva e integradora”.
De seguido, María Caldeiro (FUNDAMAR) destacou que “para nós é un pracer compartir cada un dos proxectos que realizamos con Amicos porque nos aproximamos ó gran labor que levades a cabo e todo o traballo que facedes no mar”. Neste proxecto, dixo, “o papel da fundación centrarase na detección de posibilidades de dar unha segunda vida a todo o que ten que ver cos residuos”.
Fabián Ben de FNCP cualificou esta iniciativa como “un proxecto apaixonante” no que as confrarías poden continuar cun labor no que continuar a “traballar na reivindicación de que somos entidades de economía social, na que levamos inmersos dende o século XIII e onde sempre apostamos pola creación e apoio das sociedades costeiras e da xente vinculada co mar”. Asemade destacou que “este tipo de proxectos permítennos sumar esforzos para o coidado do noso medio, desenvolver iniciativas que teñen transcendencia e construír esa economía social e do mar, algo que para nós é un autentico luxo e permítenos desenvolver as novas necesidades do sector pesqueiro”.
A continuación foi a quenda de Adriana Miguéns, axente medioambiental e usuaria do Fogar Amicos, sobre a que recaeu a explicación dos obxectivos e acción que se realizarán ao abeiro do programa, así como unha breve visión do que se espera conseguir.
A xuntanza rematou cun percorrido polo centro boirense, durante o que os visitantes puideron coñecer en persoa tanto as instalacións como o día a día dos usuarios do centro de día como do centro residencial da entidade. Tamén coñeceron o traballo que se realiza nas distintas áreas da entidade para apoiar ás persoas con discapacidade intelectual en tódalas etapas vitais.
Un proxecto multidisciplinar
A través desta iniciativa organizaranse accións dirixidas a reducir os residuos mariños, fomentar a colaboración entre os sectores pesqueiro e marisqueiro con outros sectores empresariais e sociais, impulsar a innovación e a creación de emprego inclusivo e contribuír ao desenvolvemento dunha economía circular e azul. Asemade, o proxecto ten un forte compromiso de integración social, posto que as persoas con discapacidade intelectual serán os condutores de moitas das accións postas en marcha.
Ditas actividades realizaranse en zonas de medio mariño correspondentes ao PNMT de las Illas Atlánticas de Galicia, ao PN de Corrubedo, ao Complexo Intermareal de O Grove, o Parque Natural e o Parque Nacional de Doñana, as Marismas de Odiel, as Lagunas de Palos e as Madres, as Marismas do Río Piedras e o Rompido, os Enebrales de Punta Umbría e as Marismas de Isla Cristina.
O proxecto LAB-MAR conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMPA.