A borrasca ‘Aitor’ azouta Galicia: máis de 150 incidencias, ventos de case 130 quilómetros/hora e un río atmosférico

A caída de árbores, o desprazamento de mobiliario urbano e obxectos, así como as inundacións e bolsas de auga están causando dificultades na circulación.
Por fortuna, ninguén resultou danado e foron as provincias atlánticas as que rexistraron maior actividade neste sentido.
Así, o número de chamadas atendidas no Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia foi aumentando contra as tres desta tarde, cando comezaron a producirse as primeiras comunicacións de usuarios e usuarias que ían atopándose con árbores caídas, bolsas de auga e obxectos e mobiliario urbano desprazado. Arredor das 20:00 horas, xa se tiñan superado as 2000 chamadas.
Tanto é así que a suma de incidencias vinculadas ás condicións climatolóxicas ascenderon a un total de 161.
Por provincias, A Coruña (64) e Pontevedra (63) foron as que acumularon as cifras máis altas de intervencións dos recursos de emerxencias, seguidas de lonxe por Lugo e Ourense.
Por concellos, destacou o elevado número de incidencias na circulación en Santiago de Compostela e Vigo, con 19 e 15 incidencias respectivamente.
É convinte lembrar que o episodio meteorolóxico adverso continúa ata a tarde de mañá, polo que debemos seguir mantendo as medidas de auto protección recomendadas, como evitar os desprazamentos sempre que sexa posible, adecuar a velocidade ás condicións da vía e prestar atención aos posibles anegamentos e desprendementos de terra e pedras que se poden producir nas estradas.


