O pasado sábado (día 7 de setembro) celebrouse a XX edición da Andaina de 50 K Concello de Ribeira, que constou de dous bucles (30 + 20 km) que comezaron e remataron, ambos percorridos, no Complexo Deportivo Municipal A Fieiteira. A proba foi organizada polo Concello de Ribeira e a Asociación de Veciños de Carreira, contando coa colaboración da Federación Galega de Montañismo, Club Sachacamiños, Arousa Neo, GAEM Ribeira e Policía Local.
A andaina celebrouse como cada primeiro sábado de setembro dende hai máis de vinte anos. Contou coa presenza de 300 camiñantes chegados das catro provinciais galegas pero tamén de León, Asturias, Madrid, Huesca, Baleares ou Tenerife. Das 300 persoas inscritas, finalmente completaron o percorrido de 50 quilómetros un total de 206 camiñantes.
O equipo organizativo dirixido por Moncho Sampedro estivo formado por 55 persoas, entre os técnicos do Servizo de Deportes do Concello de Ribeira, o equipo da Asociación de Veciños de Carreira, comandado pola súa presidenta Marivén Sampedro, así como a colaboración do Club de Montaña Sachacamiños, a entidade Arousa NeO, a Policía Local, a agrupación local da Protección Civil e varios voluntarios habituais deste evento que veñen de diversos lugares de Galicia.
Segundo relatou a organización, a andaina descorreu sen ningún tipo de incidente destacado, tendo un día ideal para o desenvolvemento da camiñada, cun día soleado pero con temperaturas moi agradábeis e “cunha atmosfera limpa que permitía a visión das espectaculares panorámicas dun xeito moi nítido”.
O itinerario percorreu moitos dos lugares máis destacados do concello, como poden ser o Parque Periurbano de San Roque, a praia de Coroso, os petróglifos da Pedra das Cabras, a capela de San Alberto, o sendeiro do río Sanchanás, o Parque Natural das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, o Camiño de Santiago A Orixe, o miradoiro da Pedra da Ra, o Castro da Cidá, o peirao fenicio da Covasa ou o miradoiro dos Castelos.
Os deportistas remataron os 50 quilómetros entre as 7 horas (horario mínimo esixido pola organización), e as 10:40 horas, 20 minutos antes do horario máximo permitido que está regulamentado en 11 horas.
Outros datos
Contouse cunha inscrición de 300 participantes, que é a cifra máxima de inscritos, quedando varias persoas sen poder inscribirse ó acadar o tope máximo. Destes 300, 204 era homes e 96 mulleres.
A idade media foi de 53 anos, 55 no caso dos homes e 49 no caso das mulleres.
A persoa de maior idade que rematou os 50k foi Xosé Lois Freixeiro (1941), antigo presidente da Federación Galega de Montaña.
206 deportistas cubriron os 50k, mentres que 58 fixeron 30 k, e 23 tiveron que retirarse antes desta distancia.