O lume orixinouse na zona de carga dos karts eléctricos, unha das actividades que se poden realizar neste centro, e que está situada a carón dun circuíto delimitado polos pneumáticos afectados. Ademais do punto de carga dos vehículos, en total arderon unhas seis ou sete rodas de caucho, o que provocou que unha intensa fumareda se propagase por toda a nave. Por fortuna, ningunha persoa precisou asistencia sanitaria.
Pasaban as 11 horas cando un particular chamou ao 112 Galicia e indicou que saía moito fume das instalacións dun parque de ocio infantil situado na rúa República Checa, no polígono compostelán de Costa Vella. Por este motivo, era imposible entrar para comprobar o que estaba a ocorrer, pero o propio alertador descartou que houbese persoas afectadas.
Nada máis ter constancia dos feitos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a actuación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, informados de xeito preventivo, dos Bombeiros e da Policía Local de Santiago, así como dos axentes da Policía Nacional.
Pouco despois, os equipos de extinción atopábanse xa no punto, traballando para extinguir as lapas e, finalmente, comunicaron ao 112 Galicia a natureza da súa intervención. Unha vez realizaron as medicións pertinentes para confirmar que se podía estar no interior da nave con seguridade, retiráronse de novo ao seu parque.




