n artigo publicado neste xornal o pasado 22 de agosto, titulado “¿Y tú quién eres?” e asinado polo admirado Manuel Domínguez, trasladóume esta semana que remata a unha Ribeira que xa non existe. Debeu ser en 1982 ou 83, aproximadamente ás once e pouco da noite.
A miña dona, ribeirense de nacencia, e máis eu tiñamos o costume, nas vacacións do mes de agosto, de dar un paseo após cear dende a casa de miña nai -meu pai finara en 1967- ata a lonxa (a segunda das tres que coñecín) para vivir uns minutos da poxa do peixe e marisco que, de luns a sábado, realizaban os empregados (aquí teño que lembrar ao meu veciño Juan “o Vendedor” ) co obxectivo de, mediante subhasta á baixa, poñelos a disposición dos compradores de fóra e de Ribeira, entre estes os máis coñecidos restauradores.
Unha desas noites de andaina repousada, camiñabamos pola calexa que comunicaba o malecón coa daquela rúa General Franco á farmacia de Sanmamed. Era unha calexa estreita e pouco alumeada na que, con precaución, podían camiñar do par dúas persoas. De súpeto, a unha distancia de escasos catro metros, apareceu un rapaz non maior -aparentemente- de 11 ou 12 anos que parou fronte a nós para acender un pitillo cun chisqueiro. O lume deste alumeou a faciana do cativo, o que me dou pé para lle dicir a Mari “tan cativo e a estas horas, fumando”.
Case sen tempo para o pensar, o neno chegou á nosa altura e eu púxenme diante del dicíndolle con voz seria, recriminatoria: “Tí de quen vés sendo?”
Nen sequera ollou para min. Rodeóume con toda a tranquilidade do mundo e respostou absolutamente convencido e cheo de razón ao tempo que expulsaba fume pola boca : “E a tí que carallo che importa?”.
Seguíu camiñando tan tranquilo, eu sen nada que engadir e Mari morta de risa dicíndome “estívoche ben, moi ben, por te meteres onde ninguén te chamou”.
Amolado, ben amolado, botei unha ollada a aquel rapazolo que ía cara á farmacia envolveito nunha nube de fume do seu, moi seu, pitillo de tabaco (polo cheiro, roibo).
Pregúntome se sería este chavaliño a causa da disgresión? que Manuel Domínguez
formulaba no seu artigo.
Eu aprendín a non me meter onde hai un “señor” fumador de 11 ou 12 anos que, na media noite e no uso dos seus dereitos, camiña por unha calexa investido da autoridade que lle outorga a súa curta idade e o mando no paquete de tabaco americano, posiblemente de contrabando ou “batea”.
Nuna tal me pasou. E tampouco nunca tal esquecín: “E a tí, que carallo che importa?”.
Nada, señor home, boa noite.



