
O ano 2030 é unha referencia importante para que a UE prohiba a pesca de arrastre de fondo das áreas atlánticas protexidas. De non ser así, barállase o ano 2060. Sexa o que sexa, o arrastre de fondo é unha arte de pesca a extinguir, en primeiro lugar nas zonas protexidas. Unha arte con demasiados e poderosos inimigos.
Como é sabido, a pesca de arrastre de fondo está prohibida nun total de 87 zonas do Atlántico. En España está regulada e limitada. Aparte de causar danos á fauna mariña, está a producir emisións nocivas que quecen o planeta. É, o arrastre de fondo, unha práctica pesqueira destrutiva e, segundo novas investigacións ao respecto, tamén libera emisións de carbono.
Malia ese prexuízo -que non todo o mundo acepta- a práctica da pesca de arrastre segue a proporcionar máis dunha cuarta parte das capturas pesqueiras en todo o mundo.
A revista Frontiers in Marine Science descobre nun estudo publicado que a pesca de arrastre de fondo é responsable da emisión á atmosfera de ata 370 millóns de toneladas métricas de dióxido de carbono ao ano, o que a converte nunha práctica destrutiva tanto para a vida oceánica como para o clima.
Segundo o citado artigo, a pesca de arrastre de fondo realizada entre os anos 1996 e 2020 aportou 0’97 partes por millón de CO2 para 2030, polo que a taxa de crecemento do dióxido de carbono na atmosfera aumenta actualmente unha media de 34 ppm. (monóxido de carbono) ao ano, segundo o informe 2023 Global Carbon Budget.
Para o ecólogo mariño Enric Sala, explorador residente de National Geografhic, as emisións da pesca de arrastre de fondo son pequenas comparadas coas que produce a queima de combustibles fósiles en terra, polo que o obxectivo debe ser “conseguir que as zonas protexidas restrinxan totalmente esta técnica de pesca” , sendo “o máis lóxico prohibir a pesca de arrastre de fondo nas zonas mariñas protexidas” que é o que, sen dúbida tenta facer a UE con esa previsión de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas mariñas do Atlántico no ano 2030 nas que, a día de hoxe, faenan un bo número de barcos galegos.
Os países membros da Unión Europea deberían ter listo o pasado mes de marzo un plan de acción no que se indique que territorios van ser os primeiros en eliminar a pesca de fondo. En 2023, España regulou o número de días que a súa frota de arrastre podía faenar.
A pesca de arrastre utiliza “portas” metálicas dun peso aproximado de máis de cinco toneladas cada en súa coas que navegan e manteñen as redes lastradas no lugar previsto, que pode abranguer máis de 182 metros, unha práctica que pode arrincar sedimentos e destruír hábitats naturais ao causar alteracións físicas no leito mariño que xa se compararon coa corta dos bosques.
Os consumidores da UE teñen a posibilidade de identificar se o o peixe que pensan mercar foi obtido ou non mediante a pesca de arrastre (a UE obriga a etiquetar as fontes de captura, cousa que non sempre se cumpre porque o cumprimento da normativa varía segundo os produtos e os países).
En Estados Unidos non existe normativa; pero a pesca de arrastre está prohibida en máis da metade das augas federais estadounidenses. E a arte máis utilizada para a pesca de arrastre está prohibida en máis dun terzo.
De calquera xeito, existe unha maior predisposición na UE á prohibición da pesca de arrastre nas zonas mariñas protexidas, onde esta práctica segue permitida en grande medida.


